O Hipersector TIC galego incrementa un 13% o valor das súas exportacións nun ano

grafica de exportacions do sector TIC
Data
03/08/2025
  • O sector de contidos e o tecnolóxico sumaron 136 millóns de euros en exportacións en 2023 fronte aos 120 do ano anterior
  • O incremento débese en boa medida ao impulso na fabricación de computadoras, equipos periféricos e produtos electrónicos de consumo
  • En 2023, Galicia contaba con 4.098 empresas do Hipersector TIC en Galicia que empregaban xa en 2024 a máis de 29.000 persoas, un 1,9% máis que en 2023
  • O valor engadido bruto (VEB) do Hipersector TIC superou por primeira vez os 2.000 millóns de euros, cun incremento do 10,3% no último ano.  

As exportacións do Hipersector TIC galego, integrado polo sector tecnolóxico e o de contidos, creceron nun 13% nun ano, acadando os 136 millóns de euros fronte aos 120 rexistrados en 2022. Este crecemento débese en boa media ao o forte impulso rexistrado na fabricación de computadoras e equipos periféricos, cun crecemento do 46,4%, e na fabricación de produtos electrónicos de consumo, cun incremento do 40,1%.  

Son datos do informe “Galicia Dixital. O Hipersector TIC en Galicia”, elaborado polo Observatorio da Sociedade da Información en Galicia (OSIMGA), dependente da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), que sinala, tamén, que as importacións baixaron un 25,1%, contraéndose tanto no sector TIC (-25,5%) como no dos contidos (-17,1%). Deste xeito, o déficit comercial redúcese máis dun 85% no último ano ao pasar de case 77 millóns de euros a só 11 en 2023.

O documento reflicte que o valor engadido bruto (VEB) do Hipersector TIC superou por primeira vez os 2.000 millóns de euros, cun incremento do 10,3% no último ano.  O sector TIC achega máis de 1.800 millóns de euros (+9,5%), mentres que o sector contidos medra un 15,5%, cun avance significativo fronte a anos anteriores.

No que respecta ao número de empresas, Galicia conta xa con 4.098 entidades activas no Hipersector TIC, o 4,9% do total estatal e o 1,7% do total de empresas galegas. Estes datos consolidan á comunidade como quinta no ranking nacional.  Segundo os datos do informe, no ano 2024 o sector alcanzou os 29.099 traballadores, cun aumento do 1,9% respecto ao ano anterior.

Medra o emprego, especialmente no sector TIC e entre as mulleres

O sector TIC lidera o crecemento do emprego, acadando 23.467 postos de traballo en Galicia, o que supón un incremento do 2,3%. Tamén o sector contidos permaneceu estable, cunha subida mínima (0,1%) que lle permite chegar aos 5.632 traballadores.

Un ano máis, o sector destaca pola súa contribución á redución da fenda de xénero: o emprego feminino medrou un 2,5%, fronte ao 1,9% xeral, consolidando así unha tendencia que se mantén por cuarto ano consecutivo. As mulleres representan o 33,6% do total de traballadores do Hipersector TIC. Por sectores, a presenza feminina é do 31,1% no Sector TIC e do 44% no Sector Contidos.

Distribución territorial: A Coruña lidera o emprego TIC

A actividade do Hipersector TIC concéntrase nas provincias do eixe atlántico, con A Coruña e Pontevedra reunindo o 89,8% do emprego total. En particular, A Coruña mantense como a provincia con maior peso, representando o 62% do emprego no Sector TIC, cun total de 14.412 traballadores e un crecemento do 5,4% respecto a 2023.

No sector contidos, o emprego mantense estable. Sobe lixeiramente en Lugo e Pontevedra, mentres que se reduce lixeiramente en A Coruña e Ourense. A provincia da Coruña concentra o 64,5% do emprego do sector contidos, e xunto con Pontevedra, agrupan o 87,6% dos postos de traballo.

Os datos completos poden consultarse no informe publicado.
 

Temática
Subscríbete ao boletín
Mantente ao día das novidades do portal a través do noso boletín de novidades