O emprego nas empresas de informática de Galicia creceu cerca dun seis por ciento en 2020

Data: 
11/04/2021
  • O aumento do teletraballo e do investimento en dixitalización traduciuse nun incremento do emprego no conxunto do sector TIC dun 1,9 por cento 
  • O Observatorio da Sociedade da Información e da Modernización de Galicia destaca que o teletraballo no sector creceu un 91,5 por cento
  • No primeiro ano da pandemia aumentou a demanda de produtos de software, os servizos web e os equipamentos móbiles e de comunicación

O emprego creceu durante o tempo da pandemia en Galicia no sector das Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TIC), e dunha forma especial nas empresas de informática, nas que o aumento en 2020 foi dun 5,9 por cento.

A “Enquisa ás empresas TIC de Galicia 2020”, elaborada polo Observatorio da Sociedade da Información e da Modernización de Galicia, confirma que o incremento no uso das tecnoloxías como consecuencia do impacto da pandemia provocada pola COVID-19 traduciuse nun crecemento do emprego e do negocio deste tipo de compañías.

Segundo os resultados da enquisa, “o emprego no sector TIC de Galicia pechou o ano 2020, a pesar das múltiples dificultades, con 19.343 persoas empregadas, o que supuxo 359 novos empregos en total no último ano e representa un crecemento do 1,9 por cento respecto ao ano anterior”.

O aumento do emprego foi especialmente significativo nas empresas de actividades informáticas, nas que se crearon 672 novos postos de traballo. No subsector das Telecomunicacións, o crecemento foi dun 1,8 por cento, ata acadar as 3.300 persoas empregadas.

A enquisa tamén puxo de manifesto que cerca dun 35 por cento das empresas asegura que as novas circunstancias e as novas necesidades dixitais aumentaron a demanda dos seus produtos. Os máis demandados foron os artículos de software, os servizos web e os equipamentos móbiles e de comunicación.

O subsector TIC que máis aumenta a súa demanda é o das Telecomunicacións. Un 36,1% das empresas de telecomunicacións viu aumentada a venta dos seus produtos, derivado da necesitade de dar resposta á modalidade de teletraballo e a necesidade de calidade das comunicacións en todos os ámbitos tanto empresariais coma domésticos. 

Como sucede noutros sectores de actividade, no sector TIC tamén aumentou dun xeito exponencial o teletraballo. Según os resultados da enquisa, en 2020 houbo un aumento dun 91,5 por cento no número de empresas que conta con persoas empregadas que teletraballan. Un 63,4 por cento das compañías tecnolóxicas de Galicia aseguran ter persoal que traballa dende as súas casas.

Outras tendencias significativas son o aumento nun 7,1 por cento no número de empresas que venden os seus servizos ou produtos a través de comercio electrónico. O seu volume de vendas nesta canle creceu un 31,4 por cento. Unha de cada tres empresas TIC de Galicia puxo en marcha novas platafomas ou ferramentas dixitais para facilitar as compras on line dos seus clientes.

A enquisa foi publicada no informe “O impacto da pandemia provocada pola COVID-19 no sector TIC de Galicia”, editado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), que pode ser consultado na seguinte ligazón: Informe do impacto da COVID no Sector TIC