O 98% da poboación galega de entre 16 e 24 anos dispón de teléfono móbil

Data: 
18/09/2012

No equipamento electrónico dos fogares galegos destaca pola súa universalización o teléfono móbil, aparello que posúe un 90,5% da poboación, co matiz importante de que a dotación de teléfono móbil supera á de telefono fixo en 14,5 puntos porcentuais. Outros aparellos electrónicos como o DVD ou a cámara de fotos dixital son tamén moi frecuentes nos fogares galegos. Pola contra, o sistema domótico e o fax son os equipamentos menos usuais.

A idade é unha variable claramente correlacionada coa tecnoloxía. O 98,0% da poboación de entre 16 e 24 anos dispón de teléfono móbil, porcentaxe que diminúe segundo avanza o grupo de idade, e tamén posúen case universalmente no seu fogar outros aparellos como DVD (94,2%), cámara de fotos dixital (90,0%) e MP3 ou MP4 (79,6%). O teléfono fixo, pola contra, acada a máis alta porcentaxe nos fogares das e dos entrevistados de maior idade.
 
Tamén o nivel de estudos ten unha influencia importante no grao de equipamento, sendo a poboación con estudos superiores a máis equipada tecnoloxicamente. Esta realidade identifícase tanto no uso de telefonía fixa e móbil como noutros aparellos electrónicos, como é o caso do DVD, as cámaras dixitais, o GPS, os reprodutores de música ou a domótica.

Así mesmo, cómpre destacar a influencia no equipamento electrónico do volume de ingresos do fogar, seguindo a lóxica de “a maiores ingresos, maior equipamento”. Deste xeito, dispositivos de presenza minoritaria coma o fax, e outros como a cámara de vídeo dixital e o GPS, acadan valores significativos en fogares coas rendas medias máis elevadas.

Se temos en conta a convivencia con nenos/as estudantes, o equipamento que segue a ter maior presenza é o teléfono móbil, seguido do DVD, a cámara de fotos dixital e a radio. No caso da videoconsola e a cámara de vídeo dixital, a presenza de nenos/as en idade escolar marca unha diferenza máis acusada con respecto ás vivendas onde non residen nenos/as en idade escolar.

Finalmente, cómpre salientar que o gasto medio mensual en tecnoloxías nos fogares galegos é de 73,9 euros mensuais. En xeral, o gasto redúcese conforme aumenta a idade, constituíndo o grupo de entre 45 e 54 anos a única excepción a esta tendencia, ao amosar unha media de gasto próxima aos grupos de idade máis novos.
Informe completo