O 60% das empresas TIC galegas sinala que é difícil ou moi difícil contratar profesionais con perfís dixitais especializados

Data: 
03/10/2018
  • A Amtega publica hoxe a “Enquisa ás empresas TIC sobre a Sociedade da Información en Galicia. Edición 2018, elaborada polo Osimga”
  • O sector TIC galego segue crecendo e no último ano acadou as 2.579 empresas e os 16.866 traballadores, as cifras máis altas dos últimos cinco anos
  • O volume de negocio das empresas TIC galegas supera os 2.600 millóns de euros no ano 2017, un 4,8% máis que no ano 2016
  • O 34% das empresas tecnolóxicas de Galicia realizaron actividades de i+D+i nos últimos tres anos e o 65% obtiveron resultados comercializables
  • Máis do 24% das empresas TIC teñen previsto contratar novo persoal relacionado co ámbito tecnolóxico nos vindeiros anos, un 4,3% máis que o ano anterior

 

Santiago, 3 de outubro de 2018.- O 60% das empresas TIC galegas sinala que é difícil ou moi difícil contratar persoal con formación específica en TIC, especialmente pola carencia de candidatos coa formación precisa. A pesar destas dificultades, o 24,4% das empresas TIC galegas ten previsto contratar novo persoal relacionado co ámbito tecnolóxico nos vindeiros anos, un 4,3% máis que o ano anterior.

 

O informe sinala que preto do 34%. do persoal do sector ten titulación de grao superior ou media e o 27,2% dos empregados posúe ciclos formativos relacionados coas TIC.

 

Así se recolle no “Diagnóstico ás Empresas TIC sobre a Sociedade da Información en Galicia. Edición 2018” que publica hoxe o Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).

 

Cifras macroeconómicas do sector TIC positivas

O número de empresas do sector TIC de Galicia acadou a cifra de 2.579, o que supón a creación de 142 novas entidades (un 5,8% máis) e mantén a Galicia como a quinta Comunidade Autónoma con maior número de empresas tecnolóxicas.

 

O sector TIC galego deu emprego a 16.866 traballadores no ano 2017, un 4,8% máis que o ano anterior. O volume de negocio das empresas TIC galegas acadou os 2.643 millóns de euros no ano 2017, cun aumento do 4,8% con respecto ao ano 2016.

 

Actividades de I+D+i

O estudo sinala que unha de cada tres empresas TIC galegas (o 34%) realizaron actividades de I+D+i durante os 3 últimos años, medrando en 3 puntos porcentuais respecto ao ano anterior. Entre as empresas TIC que realizaron actividades I+D+i, un 65,2% obtivo resultados comercializables. Cabe salientar que se incrementa, tamén, a cooperación entre empresas para realizar actividades de innovación, superando o 20%.

 

Cara unha Internet móbil e ultrarrápida

Un ano máis increméntase a velocidade de conexión a Internet que teñen contratadas as empresas TIC galegas, de xeito que o 56% posúe xa velocidades superiores a 100 Mbps, un  9,8% que ao ano anterior.

 

A tecnoloxía de acceso a Internet máis contratada polas TIC galegas é a banda larga móbil, presente en máis da metade das empresas do sector (54,2%) cun aumento do 26,6% no último ano.

 

En conexión directa co incremento da contratación de banda larga móbil, obsérvase que crece a porcentaxe de empresas de empresas TIC galegas que encargaron un desenvolvemento específico de software para plataformas móbiles (do 12,1% ao 15,5%) e as que ofrecen este servizo (do 28,9% crece ata o 31,1%).

 

Madurez tecnolóxica

Continúa o incremento dos envíos de facturas electrónicas, acadando o 44% no último ano, un 14,3% máis que o ano anterior. Neste ano tamén aumentaron tanto a dispoñibilidade de ferramentas ERP nas TIC galegas (do 29,8% ao 32,2%), como as ferramentas CRM (do 29,3% ao 31,4%).

 

A presenza en redes sociais crece ata o 42,4%. Respecto ao comercio electrónico, o 26,1% das empresas do sector vendeu a través de Internet, un 6,1% máis que o  ano anterior.

 

Tres de cada catro empresas TIC galegas (76%) realiza trámites coas administracións de xeito electrónico, 5,5 puntos porcentuais máis que o ano anterior. Ademais, o 63,4% das empresas TIC galegas empregan a sinatura dixital, cun crecemento de 9,9 puntos porcentuais no último ano.

 

Nesta edición da enquisa ás empresas TIC de Galicia é especialmente significativo o auxe

das tecnoloxías Cloud, que facilitan as empresas o uso de recursos compartidos e configurables a través da rede. O 56,3%, emprega servizos Cloud, 12,4 puntos máis respecto ao ano anterior

 

Perspectivas futuras

Un 45,6% das tecnolóxicas galegas consideran que a súa situación é de consolidación e un 16,7% de expansión.  En relación á situación do sector TIC para os vindeiros tres anos, unha de cada tres empresas TIC galegas percibe que a evolución do sector será expansiva nos próximos tres anos (36,4%), e preto da metade considera que a evolución continuará estable (49%).

 

No apartado de formación, aumenta lixeiramente ata o 32,5% a porcentaxe de empresas do sector TIC que formaron aos seus traballadores en tecnoloxías da información e da comunicación.

 

Todos os informes e documentos do OSIMGA distribúense libremente na Rede baixo licenza Creative commons e están dispoñibles na web do Observatorio:  www.osimga.gal.

 

SAÚDOS, GABINETE DE COMUNICACIÓN DA XUNTA DE GALICIA

Enlaces