O 31,8% das empresas inscribe os ficheiros na Axencia Española de Protección de Datos

Data: 
10/10/2012

INTECO publica o “Estudo sobre a protección de datos nas empresas españolas” correspondente ao ano 2012, co obxectivo de establecer un diagnóstico do cumprimento da LOPD nas pequenas e medianas empresas do conxunto do Estado. 

O estudo afirma que un 86,4% das empresas enquisadas coñece a LOPD e un 80,4% manifesta que está suxeita á normativa sobre a protección de datos persoais. Un 74,3% declara dispor de ficheiros de datos de carácter persoal, sendo os ficheiros máis frecuentes os de clientes (no 94,5% dos casos) e provedores (o 80,2%). Outros ficheiros usados con menor frecuencia son os de nóminas, os arquivos para a seguridade social e os currículos de candidatos.

INTECO estima que só o 31,8% das empresas inscribe os rexistros na Axencia Española de Protección de Datos (AEPD), aínda que un 57,5% afirman facelo. Isto débese, segundo INTECO, a que as empresas tenden a “sobre – declarar” o seu nivel de cumprimento normativo. A pesar desta realidade recoñecese que incrementa anualmente o número de ficheiros inscritos na AEPD.

Conscientes de que é necesario avanzar na protección de datos, un 56,9% das pequenas e medianas empresas manifesta que dispón dun Documento de Seguridade. O 48,6% afirma que organizou sesións de formación específica sobre a protección de datos e un 61,8% recoñece que realiza copias de respaldo con periodicidade semanal. Só o 30,3% das empresas enquisadas indica que dispón dun rexistro de incidencias.

Finalmente, INTECO achega varias recomendacións e propostas para mellorar a xestión dos datos persoais, normalizar e certificar a aplicación da LOPD na totalidade das medianas e pequenas empresas.

Pode consultarse o estudo na seguinte ligazón