Novos estudos confirman o incremento do comercio electrónico a nivel estatal e autonómico

Data: 
05/07/2013

Os últimos estudos publicados pola Interactive Advertising Bureau (IAB) e a Online Business School (OBS) inciden na expansión da actividade comercial a través de Internet por parte da cidadanía.
O “I Estudo Anual eCommerce” de IAB Spain destaca que o 44% dos usuarios de Internet en España con idades comprendidas entre os 15 e os 55 anos compran online de forma habitual. Entre os 11,8 millóns de usuarios que compraron a través de Internet no último ano, un 65% adquiriu produtos de moda, o 59% reservas de viaxes, o 55% mercou equipamento tecnolóxico e o 54% entradas para eventos. Nun segundo plano sitúase a adquisición de libros e CD/S co 46%, as aplicacións de Internet (38%) e os vídeos e películas (33%). Así mesmo, IAB achega outros datos de interese relacionados cos usos e hábitos das compras en liña, as tendencias e os medios de pagamento das operacións de comercio electrónico.
http://www.iabspain.net/wp-content/uploads/downloads/2013/06/I_estudio_ecommerce.pdf
Por outra banda, as conclusións do estudo “O Comercio Electrónico 2013” tamén destacan o incremento no volume de facturación da actividade comercial por Internet. OBS estima que, no ano 2012, o 14% do total das ventas realizadas en España proceden do comercio electrónico, un 27% máis que no exercicio anterior y o 56% máis en relación ao 2007.
Dende o ano 2008 Galicia incrementou nun 63% o número de persoas que compran por Internet, segundo o estudo da OBS a partir dos datos do INE, situándose por riba da media estatal no ano 2012 na adquisición de bens para o fogar (24,8% en Galicia e 21,8% estatal); na compra de libros, revistas e xornais (22,5% en Galicia e 19,2% estatal); e tamén na compra de equipamento electrónico (27,9% en Galicia en relación ao 17% estatal). 
Pódese solicitar a descarga do estudo completo na seguinte ligazón:
http://www.obs-edu.com/noticias/2013/07/01/madrilenos-catalanes-andaluces-y-valencianos-los-que-mas-compran-por-internet-en-espana/