Nove de cada dez fogares galegos conta con servizo de internet, un 4% máis que en 2019

Data: 
16/11/2020
  • Só no último ano máis de 34.400 fogares da Comunidade optaron por contratar este servizo
  • O crecemento máis importante rexístrase nos concellos máis pequenos, de menos de 10.000 habitantes nos que a contratación crece preto dun 9% 
  • Tamén continúa incrementándose o uso de internet no tramo de idade dos 65 aos 74 anos, onde o uso da Rede sube un 17,5% respecto ao ano anterior 
  • A totalidade dos galegos de 16 a 34 anos empregaron Internet nos últimos tres meses e superan a media estatal 
  • O 47,2% da poboación galega comprou a través de Internet nos últimos tres meses, o que supón un crecemento do 20,4% fronte ao 14,7% da media estatal
  • O uso da Rede entre os galegos de entre 65 e 74 anos medra máis dun 17,5% respecto ao ano 2018
  • Os internautas galegos superan ou igualan a media estatal no uso dos seguintes dispositivos IoT (Internet das Cousas): Asistentes virtuais (19,6%), reloxos intelixentes (28,5%), control da saúde (8,2%) ou automóbil conectado con conexión sen fíos
     

Santiago de Compostela, 16 de novembro de 2020.-  O 92,4% dos fogares galegos teñen contratado Internet, cun incremento do 4,1% con respecto ao ano anterior. Isto supón que 34.400 vivendas da Comunidade se sumaron ao uso de internet no último ano. Sen embargo, o máis destacado deste incremento é que se produce nos  concellos máis pequenos, onde ata o de agora a fenda dixital era máis acusada. Entre 2019 e 2020  a contratación de internet nos concellos de menos de 10.000 habitantes creceu un 8,7% máis do dobre que a media de Galicia. 

Son parte dos datos publicados hoxe polo INE sobre o equipamento e uso das TIC nos fogares en 2020, que constata que a contratación de internet supera o 94% en todos os concellos de 50.000 a máis de 100.000 habitantes; que no tramo de 20.000 a 50.0000 habitantes esta porcentaxe ascende a máis do 95%; e que nos concellos de 10.000 a 20.000 habitantes pasou do 86,1% ao 91,5%. 

Segundo a análise realizada polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), dependente da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), as cifras confirman que a totalidade dos galegos de 16 a 34 anos empregan Internet e superan a media estatal no uso habitual de Internet pero, ao mesmo tempo, tamén se están a producir incrementos significativos do uso das TIC entre os galegos maiores de 65 anos.

Uso das TIC

O 87,4% dos galegos e galegas de 16 a 74 anos utilizaron Internet nos tres últimos meses, cun incremento do 4%, con respecto ao ano anterior. Se ben, o uso de Internet é universal entre as persoas de menos de 34 anos, destaca o crecemento no tramo de idade dos 65 aos 74 anos, onde o uso da Rede sube un 17,5% respecto ao ano anterior (do 45,7% ao 53,7%). 

Outro dos indicadores que experimenta un dos incrementos máis relevantes son as compras a través da Rede. Un 47,2% da poboación galega adquiriu algún produto ou servizo a través de Internet nos últimos tres meses, experimentando un crecemento do 20,4% respecto ao ano anterior fronte ao crecemento do 14,7% que experimenta a media estatal, cabe salientar que un 64,1% dos mozos galegos de 16 a 24 anos compran a través de Internet, superando en 2,3 puntos a media estatal (61,8%).

A Internet das cousas

Nesta edición, a enquisa do INE incorpora un módulo específico sobre a Internet das Cousas. A Internet das Cousas é un concepto que se refire ao uso de dispositivos cotiáns conectados a Internet que tamén poden conectarse entre si para habilitar servizos avanzados, como controlar o dispositivo de forma remota, axustar a configuración ou dar instrucións para as tarefas a realizar.

Do total de internautas galegos, case tres de cada 10 persoas de 16 a 74 anos (o 28,6%) utilizaron dispositivos ou servizos de domótica no fogar, en valores próximos á media estatal (31,1%). En concreto, o 19,6% usou asistentes virtuais en forma de altofalante intelixente ou de App (como Alexa, Google Home, Siri, Cortana,...), superando a media estatal (18,1%); o 10,2% electrodomésticos conectados, o 6,4% sistemas de alarma/seguridade do fogar (fechaduras, cámaras, detectores de fumes,...) e o 7,6% sistemas para a administración de enerxía para o fogar (luces, enchufes, termostatos,...).

En canto ao resto dos dispositivos conectados a Internet no fogar, os máis utilizados son as televisións con conexión a Internet, incluídas as Smart TV (polo 66,1% da poboación usuaria de Internet nos últimos tres meses) e o uso de consolas de xogos conectadas a Internet (30,8%).

Por último, respecto dos dispositivos portátiles conectados a Internet, o 28,5% dos internautas galegos utiliza reloxos intelixentes (smartwatches), auriculares, rastreadores de seguridade ou bandas de fitness conectados a Internet, superando en 4,2 puntos a media estatal (24,3%), o 8,2% dispositivos para a saúde e a atención médica (controlar a presión arterial, o peso corporal,...), superando de novo a media estatal (7,4%) e o 7,3% dispón de automóbiles con conexión sen fíos incorporada.