As microempresas galegas incrementan o investimento en TIC nun 45%

Data: 
30/03/2017
  • O gasto neste área pasou de 26 millóns de euros a preto de 38 millóns de euros no último ano
  • As empresas galegas de menos de dez empregados con páxina web superan a media estatal e aumentan o uso da sinatura dixital nun 7%
  • Un 28,6% das microempresas e un 42,6% das empresas de máis de dez empregados están presentes en redes sociais
  • Máis do 82% das empresas galegas de máis de dez asalariados e un 65% das microempresas conéctanse á Rede a través da banda larga móbil
  • Increméntase o uso de fibra óptica en máis de 9 puntos nas medianas e grandes empresas e 6 puntos entre as microempresas no último ano
  • A Xunta vén de abrir unha convocatoria de axudas para o acceso á banda larga ultrarrápida a empresas e autónomos situados en zonas illadas do rural

 
O tecido empresarial galego incrementou o gasto en bens e servizos TIC entre 2014 e 2015. O crecemento máis significativo rexistrouse nas microempresas cun aumento do 45%, pasando de 26 millóns de euros a case 38 millóns de euros. Nas empresas de 10 ou máis empregados o investimento pasou de 63 millóns de euros a 72,8 millóns, o que supón un crecemento do 15%.  As microempresas destinan máis recursos aos bens TIC, mentres que as empresas de 10 ou máis traballadores destinan a maior parte do gasto a servizos e consultas TIC.
 
Son datos recollidos no informe “A Sociedade da Información nas Empresas de Galicia”, correspondente ao ano 2016, publicado hoxe polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
 
 
A visibilidade na estratexia empresarial e a Publicidade en Internet
Un terzo das microempresas con conexión a Internet (33,7%) e un 79,6% das empresas de dez ou máis empregados con sede ou actividade na Comunidade posúen páxina web. As empresas deste último segmento empresarial converxen coa media estatal neste indicador mentres que as microempresas galegas sitúanse máis de 2 puntos por riba do conxunto do Estado.
 
Un 28,6% das microempresas e un 42,6% das pemes e grandes empresas están presentes en redes sociais. A presenza en medios sociais durante o ano 2016 aumenta en tres puntos nas grandes empresas e 1,3 puntos nas microempresas. Un 10% das microempresas pagan por anunciarse en Internet, se ben esta porcentaxe chega a duplicarse entre as empresas de máis de 10 traballadores (un 22%).
   
 
Sinatura dixital, factura electrónica, ferramentas de xestión e Big Data
A sinatura dixital é utilizada por tres de cada catro empresas de máis de 10 traballadores e nun 41,7% das microempresas (6,8 puntos máis no último ano). As pemes e grandes empresas galegas empregan a factura electrónica en maior medida que en España.
 
A compra dalgún servizo de Cloud Computing nas empresas galegas progresa lixeiramente, chegando a un 17,8% en empresas de 10 ou máis traballadores. O uso de ferramentas informáticas de xestión de información do cliente CRM é do 7,4% nas empresas de 0 a 9 traballadores mentres que nas empresas de máis de 10 traballadores acada ao 38,3%.
 
A porcentaxe de empresas galegas que incorpora a análise Big Data é aínda pequeno: as microempresas que analizan macrodatos dos seus clientes é dun 3%, triplicándose no caso de empresas de maior tamaño.
 
 
Conexións a Internet e Axudas do Plan de Banda Larga 2020
A contratación de Internet está amplamente estendida nas empresas galegas, especialmente nas de máis de 10 traballadores onde acada o 97,9%. Nas microempresas o 57,6% tamén posúen conexión a Internet contratada. A metade das microempresas con conexión a Internet posúe velocidades de contratación superiores aos 10 Mbps, 5 puntos máis que no ano anterior. No caso das empresas de máis de 10 empregados, crecen máis de 7 puntos as que contan con conexións de máis de 100 Mbps, ata superar o 22%.
 
Para facilitar o acceso a banda larga ultrarrápida a empresas e autónomos situados en zonas illadas do rural, a Xunta vén de abrir unha convocatoria de axudas no marco do Plan de Banda Larga 2020, que subvencionarán ata o 100% dos custos das tarefas necesarias para dotar de conexións superiores a 30Mbps.  O prazo de solicitudes remata o 20 de abril.
 
En canto aos uso de banda larga a través de telefonía móbil, emprégana o 82,4% das empresas de máis de 10 traballadores e o 65% das microempresas con conexión a Internet. Este tipo de conexión creceu máis de 3 puntos nas empresas de máis de 10 empregados e un 4,8% nas microempresas.
 
Respecto á banda larga fixa, aínda que o ADSL segue a ser o tipo de conexión fixa preferente, increméntase o uso da fibra óptica en máis de 9 puntos nas empresas de 10 ou máis empregados e 6 puntos entre as microempresas no último ano.
 
 
Comercio electrónico e Interacción coas Administracións Públicas a través de Internet
Unha de cada catro empresas de 10 ou máis traballadores con sede en Galicia fixeron compras a través de Internet durante o último ano, fronte ao 17% das microempresas. As microempresas galegas superan en compras a través de Internet no último ano á media estatal (un 17% fronte ao 16,6%).
      
En canto á interacción coas diferentes Administracións Públicas, todos os tramos empresariais sitúanse en valores próximos á media estatal. A xestión máis habitual é a solicitude de información ou trámites online, que experimentaron un crecemento superior aos 3 puntos porcentuais en todos os segmentos empresariais.
 
Tres de cada catro empresas de máis de 10 traballadores empregan a devolución de impresos cumprimentados de xeito telemático coas Administracións Públicas situándose por riba da media estatal neste trámite.
 
A metade das microempresas tamén sinalan a declaración de impostos como o motivo principal para interactuar coas Administracións Públicas a través de Internet. O 31,7% das microempresas, argumentan a facilidade de declarar as contribucións á Seguridade Social como o principal motivo para interactuar coas Administracións Públicas na Rede.
 
 
Política de seguridade
Máis dun 85% das empresas de 10 ou máis asalariados dispoñen dalgún plan interno que defina a súa política neste ámbito. O sistema interno para a seguridade máis empregado polas empresas galegas é o da autenticación mediante contrasinais seguros. Destaca o elevado uso do Backup de datos externo nas empresas de máis de 10 empregados con sede e/ou actividade en Galicia.
 
 
Todos os informes e documentos do OSIMGA distribúense libremente na Rede baixo licenza Creative commons e están dispoñibles na web do Observatorio:  www.osimga.gal.
 
Ligazóns: