Máis dun terzo da poboación galega xa ten competencias dixitais avanzadas

Estrutura do índice de competencias dixitais
Data
20/06/2026
  • A porcentaxe de galegos e galegas con este nivel de coñecementos e habilidades dixitais creceu máis dun 4% no último ano
  • Galicia sitúase por riba da media europea en varios ámbitos da capacitación dixital como a comunicación, información, resolución de problemas e seguridade
  • A Xunta de Galicia emitiu en 2025 máis de 42.400  certificados de capacitación dixital

O 37,6% da poboación galega de entre 16 e 74 anos conta xa con competencias dixitais avanzadas, o que supón que máis dun terzo da cidadanía acadou o nivel máis alto de capacitación dixital. Son a porcentaxe maioritaria do 61,4% dos galegos e galegas que dispón de competencias dixitais segundo sinala o Informe sobre as Competencias Dixitais da poboación galega 2025, elaborado polo Observatorio da Sociedade da Información e da Modernización de Galicia (Osimga).

Segundo recolle o documento, elaborado a partir de datos do INE, as competencias dixitais avanzadas rexistraron un incremento do 4,4% no último ano. A capacitación dixital da cidadanía é un eixo da Estratexia Galicia Dixital 2030 e, entre as medidas postas en marcha por Xunta de Galicia está o Marco Galego de Competencias Dixitais, que permite acreditar os coñecementos e habilidades dixitais a través do certificado ComDix. En 2025, un total de 42.414 galegos e galegas obtiveron esta certificación oficial emitida pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).  

Converxencia co Estado

O informe sitúa a Galicia nunha posición intermedia‑alta no contexto europeo, con valores superiores á media da Unión Europea no indicador global de competencias dixitais, superando nun punto porcentual a suma de básicas e avanzadas. Ademais, mantense a redución sostida da distancia coa media estatal, especialmente nos niveis máis altos de capacitación, onde pasou de 2,9 a 1,2 puntos porcentuais de distancia.

En canto á análise por ámbitos, o informe sinala que as competencias relacionadas coa comunicación e a colaboración son as máis estendidas na Comunidade e que o 92,8% da poboación conta cun nivel básico ou avanzado neste eido, por riba da media europea.

A información e alfabetización de datos presenta resultados moi positivos en Galicia. En 2025, o 86,5 % da poboación dispón de competencias dixitais básicas ou avanzadas, preto da media estatal

Destaca tamén a dimensión de seguridade dixital, na que Galicia acada unha das maiores vantaxes respecto da media europea. O 77,3 % da poboación dispón de competencias básicas ou avanzadas nesta dimensión e o 64,7 % en competencias avanzadas,  fronte ao  51,3 % de Europa

A creación de contidos dixitais segue a ser a dimensión con menor nivel de extensión tanto en Galicia como no conxunto do Estado. En 2025, o 68,1 % dos galegos presenta competencias básicas ou avanzadas neste ámbito, case ao mesmo nivel que a media europea (68,5%) e  lixeiramente por riba en competencias avanzadas: 46,9% fronte ao 46,2% de Europa.
 

Temática
Subscríbete ao boletín
Mantente ao día das novidades do portal a través do noso boletín de novidades