INTECO publica un estudo sobre seguridade en dispositivos móbiles e smartphones

Data: 
07/09/2012

Os resultados do “Estudo sobre seguridade en dispositivos móbiles e smartphones” publicado por INTECO confirman que un 98,4% dos enquisados dispoñen dun teléfono móbil, dos cales un 56,2% é propietario dun smarphone. O nivel de penetración de Internet vía móbil sitúase no 71,6% e a dispoñibilidade de conexión wifi no 65,5%. Este feito motiva a realización dunha análise dos riscos e da seguridade dos usuarios de telefonía móbil fronte ás incidencias e ao fraude na Internet.

INTECO informa que un 50,4% dos internautas con dispositivo móbil consulta o correo electrónico a través do seu terminal, un 50,6% accede a descargas dende o seu teléfono e un 63,2% instala aplicacións que requiren da xeolocalización para o seu uso. A exposición dos usuarios ás incidencias e ao fraude na Internet é crecente na medida en que aumenta a accesibilidade á rede. Un 18,4% dos enquisados declara que foi obxecto dalgún intento de fraude telefónico (non consumado), fronte ao 81,6% que non constatou situacións de risco.
 
Neste senso, INTECO achega unha listaxe de recomendacións coa finalidade de que os usuarios poidan protexer a accesibilidade ao seu terminal e previr os riscos de fraude na Internet entre outras incidencias. 

Pode consultarse o informe completo na seguinte ligazón