O Observatorio da Sociedade de Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA) publica o informe sobre o nivel de implantación do “Software Libre nas empresas informáticas de Galicia” correspondente ao ano 2012.
Un dos principais obxectivos desta análise recae na necesidade de incrementar a oferta de servizos e produtos sometidos a licenzas libres por parte do sector TIC galego, facilitado pola crecente demanda do software libre na sociedade, nas empresas e nas administracións públicas de Galicia. Neste senso, as iniciativas desenvolvidas pola AMTEGA sitúanse no marco do Plan de Software Libre 2013, en colaboración coas asociacións galegas de usuarios de software libre (AGUSL), das empresas do sector (AGASOL), do Consorcio para o desenvolvemento de aplicacións para a Xestión Universitaria de Galicia (CIXUG) e do Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia (CPEIG).
Uso do software libre nas empresas informáticas
O uso de software libre nas empresas informáticas experimentou un crecemento de 9,8 puntos porcentuais nos últimos dous anos. Esta evolución positiva identifícase especialmente nos sistemas operativos dos ordenadores das empresas (o 59,9%), que incrementou 24,4 puntos en relación ao 2010 (35%), pero tamén nas aplicacións libres, que experimentaron un crecemento de 16,6 puntos porcentuais (do 57% ao 73,6%) dende o ano 2010.
Así mesmo, obsérvase un crecemento significativo dos sistemas operativos libres nos servidores (39,2% no 2010 fronte ao 51,3% no 2012) así como nas aplicacións libres (52,7% no 2010 fronte ao 62,3% no 2012).
En termos xerais, tres de cada catro empresas informáticas contan con software libre nos ordenadores, o que representa un aumento de 6,4 puntos porcentuais con respecto ao ano 2010. As aplicacións con maior presenza nas empresas informáticas son as ofimáticas (55,4%), os navegadores de Internet (51,4%), os xestores de correo (48,1%) e as de antivirus e seguridade (40,4%).
O nivel de satisfacción co uso do software libre nas empresas informáticas acada unha nota de 7,7 puntos sobre 10 e ratifícase a previsión positiva no mercado de servizos e produtos sometidos a licenzas libres de cara ao ano 2013.
Empresas informáticas que ofrecen software libre
No período 2010-2012 aumentou a porcentaxe de empresas informáticas que ofertaron algún tipo de produto ou servizo de software, propio ou de terceiros, pasando dun 50,1% no 2010 a un 60,8% no 2012. Entre elas, un 56,7% ofrece produtos elaborados baixo licenzas libres na actualidade.
A principal barreira entre os clientes das empresas informáticas para a incorporación do software libre é o descoñecemento ou a falta de información, manifestada por un 48,1% das empresas consultadas. No actual contexto económico, o custo (no 76,5% dos casos) é o factor mellor valorado polos clientes sobre a conveniencia de incorporar software libre no seu negocio.
As actividades desenvolvidas polas empresas informáticas en relación ao software libre, son maioritariamente as relativas aos servizos de consultaría tecnolóxica (44,9%). A formación e o asesoramento consolídanse como elementos estratéxicos para seguir incrementado a presenza do software libre no ámbito social, empresarial e nas administracións públicas. Con este obxectivo e coa colaboración das entidades citadas, potenciaranse dende a AMTEGA todas aquelas actuacións encamiñadas a incentivar o uso do software libre en todos os ámbitos da sociedade, no marco do Plan de Software Libre 2013 e a través da Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica (CeMIT) e o Centro Demostrador TIC (CDTIC), entre outros servizos públicos dispoñibles para o conxunto da cidadanía, das empresas e das administracións públicas de Galicia.
Pode consultarse o resumo executivo e o informe correspondente nas seguintes ligazóns:
Informe Completo
Resumo Executivo