Galicia sumou máis de 72.000 usuarios de internet de 65 a 74 en catro anos

imaxe de nota de prensa de poboación
Data
10/07/2026
  • O informe “Galicia. A nosa vida en dixital. 2025” constata a diminución da fenda dixital por idade na Comunidade, onde máis do 77% dos galegos e galegas maiores de 65 anos usan a rede
  • O 94,3% da poboación galega de 16 a 74 anos utilizou Internet nos últimos tres meses, superando os 1,8 millóns de internautas e sumando 127.429 novos usuarios desde 2021
  • O 95,7% dos fogares galegos contan con Internet contratado, o que supón a incorporación de 57.843 fogares desde 2021
  • As Smart TV convértense por primeira vez na tecnoloxía conectable máis estendida nos fogares galegos, cunha presenza do 65,2%, un 49,2% máis que en 2021

O uso de Internet en Galicia é practicamente universal entre a poboación moza, pero o avance é especialmente significativo entre as persoas maiores. No grupo de 65 a 74 anos, o 77,4% utiliza Internet, o que supón un incremento do 3,5% respecto a 2024 e de preto dun 39% en catro anos. Un total de 72.894 galegos e galegas nesta franxa de idade sumáronse ao uso da rede entre 2021 e 2025.

Así se recolle no informe “Galicia. A nosa vida en dixital. A Sociedade da Información nos fogares galegos. Edición 2025”, elaborado polo Observatorio da Sociedade da Información en Galicia (OSIMGA), da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), elaborado a partir a partir dos datos da Enquisa Estrutural a Fogares realizada polo Instituto Galego de Estatística (IGE) no marco do acordo de colaboración entre ambos organismos.

Preto de 1,9 millóns de internautas en Galicia

O informe sinala que o 94,3% da poboación galega de 16 a 74 anos utilizou Internet nos últimos tres meses, o que representa preto de 1,9 millóns de internautas. Desde 2021 incorporáronse 127.429 novos usuarios, cun crecemento superior ao rexistrado no conxunto de España.

O smartphone segue sendo o dispositivo máis utilizado, empregado polo 95,7% da poboación. As actividades máis habituais na internet continúan sendo as videoconferencias, as chamadas a través de Internet e a consulta de noticias e contidos informativos.

Internet e equipamento no fogar

A porcentaxe de fogares galegos con acceso a Internet alcanza o 95,7%, o que supón un total de 926.797 fogares conectados. Desde 2021 incorporáronse máis de 57.800 fogares. Ademais, o 90,6% dos fogares con Internet dispón de velocidades superiores aos 30 Mbps, e o 74,2% conta con conexións de 100 Mbps ou máis.

Os fogares galegos avanzan cara a un modelo máis conectado e diverso. O 80,8% dispón de ordenador. As Smart TV están presentes no 65,2% dos fogares, cun crecemento do 10,3% respecto a 2024 e do 49,2% desde 2021. Tamén continúan gañando presenza os dispositivos da Internet das Cousas, como os altofalantes intelixentes, xa presentes no 18,1% dos fogares.

Medra o comercio electrónico e a relación dixital coa Administración

O 69,3% da poboación galega realizou compras por Internet en 2025, un 2,8% máis que o ano anterior, mentres que entre os mozos e mozas de 25 a 34 anos a porcentaxe ascende ao 92,6%. Pola outra parte o 88,4% dos internautas galegos realizaron trámites ou xestións en liña coa Administración pública.

A ciberseguridade, un reto permanente

O 17,5% dos internautas galegos declara ter sufrido algún incidente de ciberseguridade nos últimos doce meses. Os datos poñen de manifesto a importancia de seguir reforzando a concienciación e as competencias dixitais da cidadanía.

 

Temática
Subscríbete ao boletín
Mantente ao día das novidades do portal a través do noso boletín de novidades