Galicia sitúase en 2013 como a quinta comunidade con maior número de empresas do sector TIC

Data: 
28/09/2013

O número de empresas do sector TIC de Galicia acadou en xuño de 2013 a cifra de 2.029, o que supón un incremento do 2,7% respecto ao ano 2012. Isto sitúa a Galicia como a quinta Comunidade Autónoma con maior número de empresas tecnolóxicas, subindo un posto respecto no ranking estatal respecto ao ano anterior e superando o ritmo de crecemento do número de empresas TIC a nivel estatal (1,9%).
Son datos recollidos no “Diagnóstico ás Empresas TIC sobre a Sociedade da Información en Galicia 2013”, publicados hoxe polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
O informe sinala que o nivel de emprego no sector TIC galego situouse en xuño do ano 2013 nos 15.144 traballadores, o que representa o 1,7% da poboación ocupada galega, unha décima máis que en anos anteriores. A pesar da actual conxuntura económica, o emprego neste sector mantense por riba dos 15.000 traballadores desde o ano 2010. 
O valor engadido bruto (VEB) do sector TIC galego representou o 2% do PIB de Galicia e o volume de negocio das empresas TIC galegas superou os 2.240 millóns de euros no ano 2012, unha cifra lixeiramente superior á do ano 2011, correspondendo un 82,7% do volume de negocio a clientes galegos e un 13,9% ao resto de España.
Perfil do tecido empresarial TIC
O perfil do tecido empresarial TIC é o das microempresas, un 94,6% das empresas TIC contan con menos de 10 asalariados, e un 35% das empresas TIC son autónomos.
As empresas do sector TIC concéntranse principalmente nas provincias da Coruña (48,1%) e Pontevedra (35,6%) e máis da metade (51,8%) adícase a actividades informáticas
Desde a perspectiva de xénero, constátase unha menor presenza da muller no sector TIC. Apenas o 37,5% do persoal das empresas TIC galegas son mulleres. Os homes teñen maior presenza en todos os postos das empresas tecnolóxicas, agás nos administrativos, de maior presenza feminina.
As empresas TIC galegas contan cunha maioría de profesionais TIC con formación universitaria ou especializada a través de ciclos formativos TIC. Un 47,1% dos traballadores do sector TIC ten titulación TIC de grao superior ou medio, mellorando así a especialización dos profesionais TIC galegos (ano 2012: 38,2%), e un 23,2% conta con ciclos formativos TIC superiores ou medios.
Perspectivas de futuro
As propias empresas TIC manifestan confianza nun panorama de estabilidade para o sector nos próximos anos, o que reverterá nun efecto tractor nos restantes sectores produtivos estratéxicos de Galicia. Un 40,3% das empresas TIC galegas define o seu momento empresarial actual como de consolidación e un 45,9% prevé estabilidade ou expansión do sector de cara aos próximos tres anos.
Máis innovación, calidade e formación
Os últimos resultados das enquisas do OSIMGA veñen a constatar que as empresas TIC galegas están a apostar polo potencial da innovación: Un 30,5% desta empresas desenvolveu actividades de I+D+i nos tres últimos anos, un incremento do 15,1% respecto do período anterior. Destas empresas, un 71,3% obtivo produtos comercializables.
Cada vez existe maior necesidade por parte dos traballadores e empresarios de adaptarse ás cambiantes necesidades do sector. Así o reflicte o feito de que o 38,6% das empresas TIC galegas desenvolveu accións formativas en TIC no ano 2012. As principais áreas de interese en formación TIC son: seguridade informática e protección de datos, tecnoloxías Cloud e administración de sistemas operativos.
Cloud Computing e Redes Sociais
As tecnoloxías Cloud están chamadas a xogar un papel moi destacado como forma de acceso a servizos TIC avanzados. O 33% das empresas TIC emprega tecnoloxías Cloud Computing, maioritariamente na súa modalidade de Software como Servizo (Saas), tales como Google Apps Bussiness, Office 365, SalesForce.com, Dropbox, etc.
Incrementouse tamén a presenza das empresas TIC en Internet, tres de cada catro empresas TIC dispón de páxina web, 6,7 puntos máis que no ano 2012. Ademais. O 30,6% das empresas TIC galegas está presente nas redes sociais, 10,6 puntos máis que no ano 2012 e as empregan, principalmente, para accións de marketing .
Incremento significativo da banda larga móbil
A práctica totalidade (98,6%) das empresas TIC galegas ten contratada banda larga e un 94,9% das empresas TIC ten contratada unha velocidade de conexión a Internet superior a 2 Mpbs, 4 puntos máis que no ano 2012. A velocidade de acceso máis frecuente a comprendida entre os 10 Mbps e os 30 Mbps (45%).
As ferramentas en mobilidade están a producir cambios na xestión do negocio. A maior penetración dos dispositivos móbiles avanzados (smartphones e tablets) está a abrir novas oportunidades aos empresarios TIC, facilitando a xestión e o acceso á información da empresa con independencia do lugar de traballo. Así resulta salientable o aumento de 14,7 puntos experimentado pola banda larga móbil con respecto ao ano 2012, pasando do 16,6% ao 31,3% das empresas TIC
Incremento da efactura, sinatura dixital e a eAdministración
Un 28,1% das empresas  TIC emitiron facturas electrónicas e un 41,4% recibiunas. O 49,7% das empresas TIC galegas utilizou a sinatura dixital, 6,3 puntos máis que no ano 2012. Este indicador elévase ao 81,3% no caso das empresas TIC de 10 e máis asalariados.
O 69,5% das empresas TIC galegas que dispoñen de Internet interactuou coas Administracións Públicas a través da Rede, 2,7 puntos máis que no ano 2012. Este indicador elévase ao 96,8% no caso das empresas de 10 e máis asalariados/as .
Comercio electrónico
Un 73,5% das empresas TIC mercou a través de Internet, 3,2 puntos máis que no 2012, e unha de cada catro empresas do sector TIC vendou a través de Internet. O peso das vendas a través do comercio electrónico representou o 35,3% sobre o volume de negocio destas empresas. Datos que veñen indicar que as empresas TIC galegas dispoñen dunha ampla marxe de mellora para a venda dos seus produtos a través do comercio electrónico.
Dispoñible na web www.osimga.org
O “Diagnóstico ás Empresas TIC sobre a Sociedade da Información en Galicia 2013” baséase nas preto de 500 enquisas realizada polo OSIMGA e en información procedente do IGE e INE, sobre o número de empresas, emprego e contribución do sector TIC ao PIB galego.
Todos os informes e documentos do OSIMGA distribúense libremente na Rede baixo licenza Creative commons e están dispoñibles na web do Observatorio:  www.osimga.org
Diagnostico Empresas 2013
Diagnostico Empresas 2013. Resumo Executivo