Galicia reduciu a fenda dixital de xénero nos últimos catro anos e continua por baixo da media estatal

Data: 
16/08/2013

A fenda dixital de xénero no uso de Internet en Galicia sitúase en 3,9 puntos fronte aos 5,2 da media estatal. Así, en Galicia, un 55,5% das mulleres e un 59,4% dos homes fixo uso de Internet nos últimos tres meses.
No período 2008-2012 a porcentaxe de mulleres galegas que utilizan Internet incrementouse  máis de 11 puntos porcentuais, permitindo reducir a diferenza no uso de Internet entre homes e mulleres en 2,6 puntos respecto ao ano 2008. A nivel estatal, a diminución da fenda foi de 2,7 puntos  durante estes catro anos.
Estes resultados recóllense no estudo temático “A Sociedade da Información en Galicia desde unha perspectiva de xénero”, publicado hoxe polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega)
A idade, un factor determinante na fenda dixital de xénero
O estudo do OSIMGA conclúe que a fenda dixital de xénero está fortemente influenciada pola idade: na franxa dos 16 aos 44 anos as mulleres superan aos homes no uso das TIC. A partir dos 45 anos, a tendencia invértese, sendo especialmente desfavorable para as mulleres entre os 65 e os 74 anos.
As novas xeracións rompen a dicotomía tradicional: mulleres/tecnofobia, homes/tecnofilia, mostrando que non existen diferenzas de xénero significativas respecto ás habilidades e aos usos das TIC entre homes e mulleres ata os 45 anos.
As mulleres galegas avantaxan aos homes no uso da eAdministración
Nos indicadores relacionados coa interacción coas Administracións Públicas a través de Internet, as galegas superan aos homes mentres que, a nivel estatal, os homes avantaxan as mulleres no emprego da eAdministración.
As mulleres galegas usuarias de Internet envían formularios oficiais cumprimentados ás AAPP a través da Rede en maior medida: un 41,6% fronte ao 39,8% dos homes internautas. Ademais, a porcentaxe de mulleres galegas que usan a eAdministración para descargar impresos supera en máis de once puntos a media estatal.
Compras na rede
No que se refire ás compras a través da Rede, un 19,3% de mulleres galegas adquiriu algún ben ou servizo a través de Internet nos últimos tres meses, fronte a un 22,2% dos homes. Nas compras a través de Internet, cabe salientar que a fenda dixital de xénero en Galicia (2,9 puntos) é a metade da fenda existente a nivel estatal (5,8 puntos).
De novo, as mulleres galegas xóvenes de 16 a 34 anos empregan o comercio electrónico en maior medida que os homes. Neste indicador non se observan diferenzas tan significativas entre os homes e mulleres nos tramos de maior idade porque as compras a través de Internet están pouco estendidas a partir dos 55 anos.
Lugo é a provincia onde se observa unha menor fenda dixital de xénero
O estudo do OSIMGA analiza, en detalle, a influencia do hábitat na fenda dixital segundo o sexo, atendendo as seguintes variables xeográficas: provincias, tamaño de hábitat, áreas comarcais e aos sete concellos con maior poboación de Galicia
Lugo é a provincia galega que presenta o mellor dato en termos da fenda dixital de xénero no que se refire ao uso de Internet. A Coruña, cunha fenda dixital de case 5 puntos porcentuais para este indicador, obtén o peor resultado.
Se atendemos ao tamaño do hábitat, atopamos que é nos núcleos urbanos e semiurbanos onde a fenda de xénero se manifesta de xeito máis significativo, mentres que nos hábitat máis pequenos as diferenzas entre mulleres e homes son menos relevantes, probablemente debido a que os datos de uso das TIC, tanto en homes como en mulleres, sitúanse en niveis máis baixos.
Analizando os 7 concellos con maior poboación de Galicia, Ferrol con máis de 10 puntos porcentuais e Santiago con 9 son os municipios galegos onde as diferenzas de xénero no uso de Internet se aprecian con maior claridade, e o concello de Lugo, con 4,9 puntos porcentuais, o que amosa a menor fenda.
Iniciativas para reducir a fenda dixital de xénero
Na actualidade, a Xunta de Galicia está a desenvolver diversas actuacións, enmarcadas na Axenda Dixital de Galicia 2014.gal, co obxectivo firme de garantir a capacitación dixital de toda a cidadanía, en especial dos colectivos máis afectados pola fenda dixital. As principais actuacións postas en marcha son a Rede de Centros de Modernización e Inclusión Tecnolóxica (CeMIT) e o Programa de Voluntariado Dixital (VOLDIX).
Poden consultarse os datos deste informe na seguinte ligazón: www.osimga.org