Dúas de cada tres empresas TIC galegas interactúan coas Administracións Públicas na Internet

Data: 
16/10/2012

Estes datos, correspondentes ao ano 2012, forman parte do estudo sobre “A Sociedade da Información nas empresas TIC de Galicia” realizado polo Osimga.

Administración electrónica
O 66,8% das empresas TIC galegas que dispoñen de acceso a Internet interactuou con entes públicos a través da Internet, 9 puntos máis que no ano 2010 (co 57,8%).
Atendendo á actividade das empresas, o 72,7% das dedicadas ás actividades informáticas interactúan coas Administracións Públicas a través de Internet, fronte ao 50% das de telecomunicacións. O fin principal destas empresas é a obtención de información (61,2%), e de impresos e formularios (59,0%).
O estudo recolle que aumentaron todas as interaccións coas Administracións Públicas, especialmente coas finalidades de devolver impresos cumprimentados, para obter impresos ou formularios e para facer xestións electrónicas completas, que rexistraron incrementos próximos aos 10 puntos porcentuais no período 2010 - 2012.
Entre os principais servizos empregados na Rede destacan a busca de información en xeral (97,2%) e o uso de servizos bancarios e financeiros (95,2%). As operacións en marketplaces é a opción minoritaria co 26,3%.

Sinatura dixital
O 43,4% das empresas TIC galegas que dispoñen de Internet utiliza a sinatura dixitalnalgunha comunicación con axentes externos, experimentando un incremento de 5,3 puntos en relación ao ano 2010 (co 38,1%). Un 92,4% emprégaa para relacionarse coas Administracións Públicas e un 33,4% con clientes e/ou provedores.
A sinatura dixital é máis utilizada polas empresas manufactureiras (52,0%), seguidas das de actividades informáticas (48,6%). As empresas do resto de actividades sitúanse por baixo da media no uso da sinatura dixital.
Considerando o número de empregados/as cos que contan as empresas TIC galegas, o uso da sinatura dixital é moi habitual nas empresas de máis de 10 asalariados/as: o 83,3% das que teñen entre 10 e 49 traballadores/as fan uso dela, así como 3 de cada 4 empresas con máis de 50 empregados/as.

Poden consultarse estes e outros datos na seguinte ligazón