A CMT publica o informe sobre o consumo e gastos dos fogares nos servizos de comunicacións electrónicas, correspondente ao segundo semestre de 2012.
En consonancia co informe presentado recentemente polo OSIMGA, titulado “A Sociedade da Información nos fogares galegos”, confírmase que a idade e o tipo de hábitat tamén condicionan o nivel de penetración dos servizos de comunicación electrónicas nos fogares no ámbito estatal.
Entre as principais achegas do informe publicado pola CMT destaca ao incremento interanual do 10% da contratación de Internet nos fogares, que acada un nivel de penetración do 66,9%. A demanda de telefonía móbil e fixa rexistrou un incremento máis moderado neste período, próximo ao 2,5%. O nivel de penetración da banda larga nos fogares situouse no 65,6%, o que supón 6,4 puntos máis que no ano anterior.
A situación económica nos fogares repercute directamente no nivel de gasto en servizos TIC. Identifícase unha redución no gasto por fogar e mes, que afecta principalmente á telefonía móbil de pospago cunha diminución do 7,6%; aos gastos en telefonía fixa, banda larga fixa e acceso fixo (7%).
Un 39,7% dos individuos usuarios de pospago contrataron algunha tarifa plana de banda larga móbil, duplicando a cifra do ano anterior. Este crecemento está condicionado, segundo a CMT, pola mellora das tarifas planas de voz e banda larga móbil, que pasaron dun nivel de contratación de pospago do 5,4% de 2011 ao 20,5% de 2012. Esta tendencia global concorda co incremento da conectividade móbil e o uso do Smartphone identificado nos indicadores sobre a Sociedade da Información en Galicia e no conxunto do Estado.
Pode consultarse o informe da CMT na seguinte ligazón:
http://www.cmt.es/c/document_library/get_file?uuid=de36ca2e-3670-4e59-afdc-6eadd6aae625&groupId=10138
Data:
14/06/2013