Catro de cada cinco empresas tecnolóxicas de Galicia utilizan software libre

sl en ordenadores e servidores
Data
07/03/2025
  • Máis da metade das empresas tecnolóxicas declaran que adoitan usar máis este tipo de produtos que o de uso privativo
  • O 47,3% das empresas tecnolóxicas que venden aplicacións ofertaron software libre en 2023
  • Os produtos máis ofertados en software libre son para a xestión de contidos de páxinas web e marketing dixital, aplicacións para dispositivos móbiles e xestión de negocio


Un 84,6% das empresas TIC galegas dispoñen de software libre instalado nos seus equipos, tanto ordenadores persoais como servidores, segundo os resultados do informe que hoxe publica o Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), referido a datos de 2023.

O informe do Observatorio, adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, destaca que os produtos de software que máis habitualmente ofertan as empresas TIC de Galicia son os de xestión de negocio; sistemas de virtualización, servidores e aplicacións na nube; e xestión de contidos, páxinas web, e marketing dixital.

Case a metade das empresas que venden software en Galicia (un 47,3%) ofrecen solucións libres.

En canto aos produtos de software libre, os máis ofertados son para a xestión de contidos de páxinas web e marketing dixital, aplicacións para dispositivos móbiles e xestión de negocio.

No caso das ferramentas de aprendizaxe on-line (e-learning) hai máis empresas que ofrecen solucións libres ca privativas.

Debilidades e fortalezas do Software Libre

As razóns polas que as empresas afirman non contar con máis software libre son principalmente a percepción de que “non ofrecen as prestacións necesarias” (36,5%), seguido da opinión da “falta de provedores ou soporte” (32,4%).

O principal motivo polo que as empresas non ofrecen produtos baseados en solucións libres é que non están na liña de negocio da empresa.

A maioría das persoas usuarias perciben a o custe do software libre como principal vantaxe.

Os datos deste informe pódense consultar na seguinte ligazón.

Localización
Galicia
Temática
Subscríbete ao boletín
Mantente ao día das novidades do portal a través do noso boletín de novidades