- Nas microempresas, a porcentaxe de implantación destes produtos de licencia libre é de algo máis do 67%
- O sector da construción lidera o uso entre as empresas grandes, cunha porcentaxe superior ao 89%
- Galicia é a terceira Comunidade española que máis emprega este tipo de aplicacións no ámbito da xestión empresarial
Cerca do 90% das empresas galegas con máis de 10 persoas empregadas utiliza aplicacións de software libre e a porcentaxe é de máis do 67% no caso das microempresas. Os datos forman parte do estudo “O Software Libre nas Empresas de Galicia” elaborado polo Observatorio da Sociedade da Información en Galicia (Osimga), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia. Os datos proceden da “Enquisa sobre o uso de TIC e comercio electrónico nas empresas”, que realiza o INE anualmente, que cede os datos a OSIMGA en virtude do convenio de colaboración.
Entre os programas máis utilizados destacan os navegadores de Internet (95,5%), as aplicacións ofimáticas (75,3%) e os sistemas operativos libres (51,5%).
As aplicacións para a análise de Big Data con licenza libre son as que máis incrementaron o seu uso no último ano, cun aumento do 45% nas empresas con sede en Galicia de 10 ou máis empregados/as respecto a 2023. Ademais, Galicia ocupa a terceira posición estatal no uso de aplicacións libres de planificación de recursos empresariais e xestión de relacións cos clientes, cun 33,5% nas empresas de maior tamaño con sede na comunidade.
Diferenzas por Sectores e Provincias
O sector da Construción lidera o uso do software libre entre as empresas grandes, cunha implantación superior ao 89%. No caso das microempresas, é a industria a que presenta maior utilización (76,8%).
Por provincias, A Coruña destaca entre as empresas grandes (88,7%), mentres que Pontevedra lidera nas microempresas (69,3%).