A banda larga móbil revoluciona o mercado internacional das TIC

Data: 
26/09/2013

A fenda dixital e a evolución da banda larga móbil centran os novos estudos da Broadband Commission for Digital Development, posta en marcha pola Unión Internacional de Telecomunicacións (UIT) e a UNESCO.
A UIT destaca no informe “The State of Broadband 2013: Universalizing Broadband” o forte incremento da banda larga móbil, que medrou a un ritmo do 30% anual, cunha estimación de crecemento continuado ata o ano 2018. Pola contra, estímase que a banda larga fixa tenderá a estancarse cun nivel de crecemento moderado.
 

 

Na análise por países, a UIT considera que Corea do Sur dispón do maior índice de penetración da banda larga en fogares, próximo ao 97%. Suíza acada a cota máis alta nas conexións per cápita, co 40%.
Identifícase unha importante fenda territorial entre os países desenvolvidos e aqueles en vías de desenvolvemento no tocante á implantación de banda larga fixa e móbil. A UIT considera que estas desigualdades repercuten directamente nas posibilidades de crecemento económico e no PIB.
No uso de Internet a UIT identifica unha crecente fenda dixital de xénero, máis acentuada nos países en vías de desenvolvemento. No informe titulado “Doubling Digital Opportunities: Enhancing the Inclusion of Women & Girls in the Information Society” estímase que actualmente existen 200 millóns menos de mulleres que de homes con acceso a Internet. Esta cifra podería mesmo incrementarse ata os 350 millóns de mulleres menos que homes nos vindeiros tres anos, condicionada polas desigualdades de xénero na conexión a Internet a través do teléfono móbil nos países en vías de desenvolvemento.
 

 

Actualmente, a UIT informa que un 74% das mulleres son usuarias de Internet nos países desenvolvidos, fronte ao 80% dos homes. Nos países en desenvolvemento este indicador sitúase no 29% das mulleres e o 33% dos homes.
Poden consultarse os informes citados nas seguintes ligazóns:
http://www.broadbandcommission.org/Documents/bb-annualreport2013.pdf
http://www.broadbandcommission.org/Documents/working-groups/bb-doubling-digital-2013.pdf