A ausencia de fenda dixital consolídase en Galicia e as mulleres lideran o uso de internet e dispositivos electrónicos

mans de muller manexando ordenador
Data
15/03/2026
  • O 96,4% das mulleres empregan dispositivos electrónicos e o 94,3% usan internet, cifras lixeiramente superiores ás dos homes.
  • A actividade dixital feminina supera á masculina a partir dos 45 anos, con diferenzas de ata 3,9 puntos nas franxas de maior idade.
  • O Observatorio da Sociedade da Información publica hoxe o informe “Mulleres en Dixital: O uso das TIC desde unha perspectiva de xénero 2025”

Galicia consolida a ausencia de fenda dixital de xénero que acadou hai 5 anos e mantén o avance das mulleres no uso de internet e dispositivos electrónicos, rexistrado no últimos anos. Así se desprende do Informe “Mulleres en Dixital: O uso das TIC desde unha perspectiva de xénero 2025”, elaborado polo Observatorio da Sociedade da información (Osimga).

O estudo sinala que mulleres e homes amosan uns niveis de uso de dispositivos electrónicos practicamente idénticos, aínda que a porcentaxe de mulleres que empregan estes dispositivos sitúase no 96,4%, 1 punto máis que os homes. Unhas cifras similares ás do uso de internet, que en Galicia empregan o 94,3% das mulleres, 8 décimas máis que os homes.

Dispositivos electrónicos e internet

Por idades, non hai diferenzas no uso de dispositivos electrónicos entre homes e mulleres, que é practicamente universal ata a franxa dos 44 anos en adiante, idade na que as mulleres amosan unha maior activade dixital que os homes con diferenzas de ata 3,9 puntos entre os 65 e os 74 anos. Este patrón repítese no uso de internet cun acceso similar ata os 44 anos, idade partir da cal as mulleres superan aos homes con diferenzas de entre 1,5 e 2,4 puntos.

Usos de internet

Respecto ao o uso de internet, o 93,5% das mulleres galegas usan a rede para telefonar ou realizar videoconferencias, 1,2 puntos máis que os homes. Tamén son as que máis empregan a rede para concertar citas médicas, con máis de 9 puntos de diferencia respecto aos homes. E adoitan realizar máis aprendizaxe online, cunha diferenza de 3,5 puntos, segundo este último estudo.

Comercio electrónico e administración dixital
En canto ao comercio electrónico, o 67% das mulleres e o 67,7% dos homes compran por internet. Sen embargo, entre os menores de 55 anos, son as mulleres as que recorren máis á adquisición de bens ou servizos en liña. De feito, na franxa de idade entre os 16 e os 24 anos, o 82,7% das mulleres mercan a través da rede fronte ao 77,1% dos homes. Esa diferenza mantense en maior ou menor media nas seguintes franxas de idade e invértese nos grupos de 55 a 74 anos, nos que os homes empregan o comercio electrónico cunha frecuencia que supera en máis de 3 puntos ás mulleres.

As mulleres tamén superan nun punto aos homes na interacción coas Administracións Públicas. O 87,1% das mulleres galegas recorren á xestión online para este tipo de trámites fronte ao 86,1% dos homes.

 

Localización
Galicia
Temática
Subscríbete ao boletín
Mantente ao día das novidades do portal a través do noso boletín de novidades