A Asociación de Internautas publica o III Estudo sobre bulos e fraudes na Internet

Data: 
14/09/2012

A nova edición do “Estudo sobre bulos e fraudes na Internet”, elaborado pola Asociación de Internautas, analiza a experiencia e coñecemento dos internautas acerca dos bulos e outros fraudes, na procura de informar aos usuarios e mellorar a seguridade dos datos persoais.

O estudo recoñece que un 97,29% dos internautas recibiu algunha vez unha cadea de correo electrónico, de autoría anónima, con información alarmista sobre un servizo ou produto coa petición de ser reenviado. O correo adoita referirse principalmente a temas relacionados coa saúde e a alimentación (32,5%), a tecnoloxía (13%) e a economía (11%).

No tocante á periodicidade dos bulos, a Asociación de Internautas informa que un 34,5% dos enquisados recibiu máis de 15 correos electrónicos con bulos durante o último ano, o que supón un promedio de máis de 1 bulo mensual. O tipo de fraudes e estafas máis comúns na Rede son as alertas de correo que anuncian ser beneficiarios de premios (88%), as ofertas de traballo (75%), as peticións de cambio de claves de acceso bancario (63%) e as ofertas de viaxes falsas (57%).

En termos xerais, un 6,5% dos enquisados foi vítima dalgunha estafa por Internet e o 37% coñece algunha persoa que sufrira algún tipo de estafa. O 84,16% dos usuarios están preocupados pola seguridade dos seus datos privados na Internet.

Neste senso, a Asociación de Internautas achega algunhas recomendacións para extremar a precaución e a seguridade na Rede. Na maioría dos casos, os usuarios utilizan algún tipo de antivirus (56,5%), evitan visitar páxinas pouco seguras (20,81%) ou non reenviar cadeas de correo con bulos (19,91%) como principais medidas para impedir que entren virus ou outro software non desexado nos equipos informáticos. 

Pode acceder á presentación do estudo na seguinte ligazón