O sector tecnolóxico galego supera a cifra das 3.000 empresas e crea máis de 1.000 novos postos de traballo no último ano

Data: 
15/05/2023
  • O emprego no sector TIC en Galicia medrou un 5,1% no último ano, acadando os 21.803 traballadores en 2022
  • Galicia conta con 3.020 empresas tecnolóxicas, que representan o 4,5% do total a nivel estatal 
  • O valor engadido bruto do sector TIC galego supera os 1.740 millóns de euros e roza o 3% do PIB galego
  • O 40,1% das empresas TIC desenvolveron actividades de I+D+i durante os 3 últimos anos e destas, o 76,3% obtivo resultados comercializables
  • A tecnoloxía disruptiva máis presente nas empresas do sector é a IoT (Internet das Cousas) cunha porcentaxe do 36,5%, seguida polos Chatbots que aplican máis do 32,2% das empresas do sector e o Big Data cun 31,9%
  • A Intelixencia Artificial xa se utiliza no 28,1% das empresas TIC, o que supón un crecemento do 30,1% no último ano

O sector tecnolóxico galego creou 1.063 postos de traballo en 2022, un 5,1% máis que o ano anterior, acadando os 21.803 empregados. Ademais, a comunidade supera a cifra das 3.000 empresas tecnolóxicas, o 4,5% do total estatal, e ocupa novamente a quinta posición no conxunto do estado por número de empresas TIC. O peso do sector na economía galega reflíctese no seu Valor Engadido Bruto con máis 1.740 millóns de euros, que supón o 2,97% do PIB total de Galicia.

Son parte das cifras que analiza o estudo “Empresas TIC sobre a Sociedade da Información en Galicia. Edición 2022”, elaborado polo Observatorio da Sociedade da Información en Galicia (Osimga), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, en base aos últimos datos rexistrados do sector e a unha enquisa onde se recollen os indicadores asociados a este Sector.

Actividades de I+D+i, Innovacións e Formación en TIC

O estudo sinala que catro de cada dez empresas TIC levaron adiante actividades I+D+i durante o período 2019-2021, o que supón un 32,8% máis que no período 2018-2020. Destas empresas, o 76,3% obtivo resultados comercializables.

No ano 2022, o 34,8% das empresas tecnolóxicas galegas impartiu formación en tecnoloxías da información e comunicación ao seu persoal. A Ciberseguridade (40,3%) e as Contornas de programación (38,6%) son as dúas áreas de maior interese formativo nas empresas do sector.

Tecnoloxías disruptivas utilizadas nas empresas TIC galegas

A tecnoloxía disruptiva con máis presenza nas empresas TIC galegas é a Internet das Cousas (IoT) cunha porcentaxe do 36,5%. O 31,9% das empresas TIC galegas analiza Big Data, cun crecemento do 41,8% respecto ao ano anterior. 

O 29,9% das empresas TIC galegas utiliza ou incorpora aos seus produtos ou servizos Business Intelligence e o 32,2% emprega Chatbots. Respecto á IA, o 28,1% das empresas TIC galegas utilizan Intelixencia Artificial o que supón un crecemento do 30,1% no último ano. 

Xestión Empresarial, Conectividade e Redes Sociais

A tecnoloxía de acceso a Internet máis contratada polas TIC galegas é a fibra óptica, co 72,6% de cota de mercado. A velocidade de conexión continúa a mellorar, o 83,4% dispón dunha velocidade de conexión igual ou superior a 100 Mbps, cun crecemento do 2,2% no último ano.

O 74,9% das empresas TIC fixeron compras de bens ou servizos na rede en 2022, cun peso do 59,6% sobre o total das compras das empresas que utilizan esa canle. O 26,9% vende a través da rede, e o seu peso acada o 56,1% do importe facturado por estas empresas. O 62,2% das tecnolóxicas galegas emprega servizos de Cloud Computing, o que supón un crecemento do 6% respecto ao 2021.

Respecto á presenza en internet, no 2022 un 87,5% das empresas TIC galegas conta con páxina web e o uso de redes sociais acadou o 48%, cun crecemento do 12,4% nos últimos dous anos. 

Crece a porcentaxe de empresas do sector tecnolóxico que envían ou reciben facturas electrónicas. No 2022, o 67,8% das empresas TIC galegas envían facturas electrónicas e o 38,9% recíbenas, o que supón un 25,8% e 13,7% máis que o ano anterior.

Ciberseguridade

O 24,8% das empresas galegas dedicadas ás TIC sufriu un incidente de ciseguridade durante o ano 2022. Os intentos de estafa e os ataques de virus foron os incidentes máis frecuentes entre as empresas que tiveron problemas coa ciberseguridade. O primeiro (intentos de estafa) creceu un 14% no último ano.

Poden consultar os resultados detallados na web www.osimga.gal

Localización: 
Galicia