España pon en marcha o servizo universal de 1 megabit por segundo

Data: 
04/01/2012

O pasado domingo, 1 de xaneiro entrou en vigor a Lei que prevé, que todos os cidadáns, independentemente do seu lugar de residencia, teñen dereito a contratar unha liña de acceso a Internet cunha velocidade mínima de 1 Mbps de baixada, ao incluírse esta prestación no servizo universal de telecomunicacións. Movistar será a encargada de dar este servizo universal no próximos cinco anos xa que foi a única operadora que se presentou ao concurso para a súa prestación.

O regulador acordou para a banda larga universal dun mega un prezo máximo de 29,9 euros mensuais, máis unha cota de alta de 66 euros iniciais, no caso de que o usuario só queira Internet; ou de 19,9 euros ao mes, máis 13,97 euros da cota de liña telefónica e 38,1 euros por alta, se o cliente quere dispor ademais de telefonía fixa. Ademais, para os usuarios que, sen dispor aínda de ningún servizo con Telefónica, queiran darse de alta do servizo de banda ancha e de telefonía fixa, deberán abonar unha cota de alta inicial de 83,5 euros adicionais. A todos estes prezos hai que sumarlle o IVE.

Calcúlase que ao redor de 200.000 persoas poderán beneficiarse dese servizo universal, dos 350.000 que aínda non contan con algunha alternativa de acceso (Internet vía móbil...).

A Comisión Europea descartou o pasado mes de novembro introducir na Unión Europea unha velocidade mínima de conexión a Internet de banda larga entre as obrigas de servizo universal en materia de telecomunicacións, como propuxo España na súa presidencia da UE no primeiro semestre de 2010. España é, con Finlandia e Malta, o único estado que introduciu unha velocidade mínima.
Máis información no Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo