O comercio electrónico medrou en España no 2011 case un 20% respecto ao ano anterior

Data: 
30/10/2012

No ano 2011 o mercado B2C no conxunto do Estado medrou un 19,8% en relación ao exercicio anterior, acadando os 10.917 millóns de euros, o que supón á súa vez 2,4 puntos máis que entre o 2009 e o 2010.

O gasto medio anual dos usuarios de Internet que realizaron compras online situouse nos 828 euros no ano 2011, mentres que no ano 2010 este valor acadaba os 831 euros. Este descenso no gasto medio foi compensado co incremento de máis dun 20 puntos na porcentaxe de compradores online sobre o total de usuarios de Internet, pasando do 43,1% de 2010 ao 50,7% de 2011.

O perfil do usuario do comercio electrónico intensifícase no tramo de idades de 25 a 49 anos, con estudos secundarios ou universitarios, de nivel socioeconómico medio e medio alto, traballadores en activo a tempo completo e residentes en hábitats urbanos de máis de 100.000 habitantes.

No tocante ao comportamento de compra online recoñécese unha baixada na frecuencia das transaccións, de xeito que no ano 2011 un 13,3% afirmou comprar como mínimo unha vez ao mes, mentres que no 2010 este valor acadaba o 16,7%, o que supón un descenso interanual de 3,4 puntos porcentuais. Así mesmo, identifícanse novas tendencias e cambios de hábitos relacionados coa procura da información online, as canles de venta, a visibilidade en Internet e mesmo o perfil do usuario.
No ano 2011 estímase a existencia dunha maior participación da mocidade nas compras online e unha maior incorporación ao mercado de usuarios cun nivel socioeconómico máis baixo. Os sectores que seguen liderando o mercado son principalmente os relacionados co turismo e as finanzas, pero tamén os servizos de Internet e telefonía, a descarga online de filmes, música, xogos e o aluguer de vehículos ou motos entre outros servizos.

Este novo estudo elaborado polo ONTSI recoñece que o comercio electrónico é unha modalidade emerxente en constante crecemento, que condiciona a expansión e a supervivencia de moitos negocios en tempos de crise.

Pode consultarse o estudo completo na seguinte ligazón