O 93,8% das persoas maiores de Galicia non utilizaron Internet nos últimos tres meses

Data: 
03/02/2011

Se temos en conta os datos que proporciona o Instituto Nacional de Estatística, o 93,8% dos galegos de 65 anos a 74 anos non utilizaron Internet nos últimos tres meses.
Obsérvanse diferenzas neste indicador segundo o sexo: un 88,3% dos homes maiores non utilizaron Internet neste período, mentres que a porcentaxe de mulleres ascende ao 98,4%.
O uso da telefonía móbil está máis estendido entre os nosos maiores. Un 55,7% dos maiores galegos fixo uso do teléfono móbil no ano no ano 2010, aínda que Galicia segue a 12,5 puntos por baixo da media estatal. A diferenza no uso da telefonía móbil segundo o xénero é de 7,4 puntos a prol dos homes.
O estudo "Los mayores ante las TIC. Accesibilidad y asequibilidad", elaborado pola Fundación Vodafone, en colaboración co Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, realiza unha nova análise polo miúdo da actitude e o uso que os maiores fan das tecnoloxías, mostra as barreiras e actitudes favorábeis e identifica as tecnoloxías ás que aspiran estas persoas. Para iso mídense tanto factores culturais como actitudinais, económicos e operativos.
O número total de persoas maiores, con idades de 65 anos ou superior, ascende a 7.785.480 persoas no Estado español, (INE 2010) un 17,2% da poboación total. Deles, 5.549.621 teñen idades comprendidas entre 65 e 79 anos, o que equivale a un 12,1% da poboación total.
Unha ampla porcentaxe das persoas maiores enquisadas na mostra, perto do 85%, admite dispor no seu fogar de cando menos unha das tecnoloxías analizadas neste estudo. A telefonía móbil é a tecnoloxía máis estendida neste grupo de usuarios. O acceso a Internet e o ordenador ocupan a segunda posición, a unha grande distancia do resto de tecnoloxías.
O estudo conclúe que a redución da fenda dixital debe ser un obxectivo social prioritario xa que é nos maiores onde o TIC poden xogar un papel máis importante fronte aos seus problemas de comunicación e de soidade.
As Barreiras
O traballo constatou que os maiores consideran que as TIC lles ofrecen autonomía, seguridade, e unha mellora da súa comunicación. Ademais, a actitude coa que os maiores se enfrontan as TIC, varía se previamente as utilizaron na súa vida laboral e se na súa contorna familiar e social xa as utilizan. Tamén inflúe a propia situación anímica e física do maior.
O estudo pon de manifesto que existen unha serie de barreiras ou limitacións que contribúen a afastar ás persoas maiores de 65 anos das TIC. As máis importantes son as relacionadas coa falta de motivación, baixo as que se esconde unha actitude de rexeitamento a priori da tecnoloxía. Mais tamén existen limitacións de carácter funcional, sobre todo no caso de persoas que presentan unha discapacidade agravada pola idade que dificulta o acceso á tecnoloxía. As barreiras menos importantes son as relacionadas con factores económicos, que adoitan xurdir cando as TIC xa foron incorporadas polo suxeito que xa superou o resto de limitacións.
Internet e persoas maiores
O estudo resalta a importancia que teñen a formación, que debe ser personalizada en función do perfil do usuario, e o contexto familiar, clave no impulso necesario para acceder a Internet.
Un 86% da poboación que supera os 65 anos non se conectou nunca a Internet.  Neste caso, cúmprese a correlación negativa entre idade e uso de Internet: canto maior é o enquisado, menor é a probabilidade de que este se conecte á Rede. A proporción de usuarios que utilizan Internet supera o 20% na franxa de idade de 65 a 69 anos, descende en torno ao 12% no caso dos que teñen entre 70 e 74 anos e sitúase moi por baixo do 10% para o segmento de 75 a 79 anos. Por sexos, existe unha distancia relevante a favor dos homes que está relacionada coas maiores posibilidades de acceso previo á formación necesaria. En xeral, os aspectos que teñen que ver co acceso (aprendizaxe e conexión) non supuxeron obstáculo algún para os usuarios de Internet. Con todo, o grao de coñecemento de Internet entre os non usuarios é moi baixo: menos do 25% declara coñecer algún aspecto de Internet e menos do 10% dos non usuarios cren que se conectarán, seguros ou case seguros, a Internet.
Teleasistencia
A teleasistencia está dirixida a persoas maiores que viven soas ou o permanecen moito tempo. É unha tecnoloxía que ten un proceso de aprendizaxe rápida e cobre unhas necesidades moi básicas do suxeito como a seguridade e comunicación. O acceso está impulsado fundamentalmente polos fillos cando os pais están sós ou viviron unha mala experiencia. Os usuarios da teleasistencia mostran moi elevados niveis de satisfacción e, en xeral, non perciben a existencia de barreiras para o seu uso.
O 20% dos usuario situados na franxa de idade de 75 a 79 anos utilizan esta ferramenta, caendo en torno ao 5% no caso dos que teñen entre 70 e 74 anos e situándose ao redor do 2% para o segmento de menor idade. Máis do 60% dos usuarios declaran utilizar estas tecnoloxías desde hai máis de dous anos. O grupo de persoas de entre 75 e 79 anos é o máis veterano no uso desta tecnoloxía.
Telefonía móbil
337 persoas sobre os 500 enquisados, o que supón unha porcentaxe do 67,4%, usaron o teléfono móbil no últimos tres meses. Un 78% deles úsao cando menos unha vez á semana e un 6% polo menos unha vez ao mes. Perto do 14% confesa realizar un uso esporádico do seu terminal móbil.
Un 38% dos usuarios enquisados é autodidacta no uso da telefonía móbil. Un 7% manifesta que lle custou moito aprender a manexar o teléfono móbil, un 12% asegura que bastante, un 52% sinala que pouco e aproximadamente un 26% asevera que non lle custou nada. No entanto, en xeral as persoas enquisadas non son usuarios das funcións avanzadas dos teléfonos móbiles. O 55% non utiliza o servizo de envío e recepción de mensaxes curtas.