O 76% da poboación europea dispón de conexión a Internet no fogar

Data: 
20/12/2012

Eurostat publica o informe sobre o uso de Internet en fogares correspondente ao ano 2012, onde destaca a evolución positiva dos indicadores de accesibilidade móbil e de conectividade a través de banda larga nos 27 Estados membros da Unión Europea.

O informe estima que un 76% dos fogares europeos dispón de conexión a Internet, cun incremento de 6 puntos en relación ao ano 2010 (70%) e de 16 puntos en relación ao 2008 (60%). Neste indicador España sitúase 6 puntos por debaixo da media europea (co 68%), pero o seu incremento foi maior en relación ao ano 2010 (9 puntos porcentuais) e tamén ao 2008 (17 puntos). Os indicadores de banda larga nos fogares mostran unha evolución positiva semellante, que no caso de España incrementa 10 puntos en relación ao 2010, acadando un nivel de penetración do 67% no 2012.

Un de cada tres habitantes (o 32%) utiliza dispositivos móbiles para conectarse a Internet fóra da casa ou do traballo. No caso dos usuarios con idades comprendidas entre os 16 e os 24 anos esta porcentaxe sitúase preto do 60%, o que concorda cun maior uso dos dispositivos móbiles por parte da mocidade e un uso crecente da mobilidade nas comunicacións.  

Eurostat afirma que máis da metade dos usuarios publicou mensaxes nas redes sociais (52%) e consultou a prensa dixital (61%). O seguimento dos indicadores de progreso no uso do comercio electrónico mostra un incremento en consonancia cos obxectivos establecidos na Axenda Dixital para Europa no horizonte 2015, de xeito que tres de cada cinco usuarios (preto do 60%) manifesta que realiza compras online na actualidade.

Pode consultarse o informe de Eurostat na seguinte ligazón.