O 65% dos usuarios de Internet de entre 56 e 70 anos utilizaron a Rede para interactuar coas AAPP

Data: 
07/11/2012

O estudo “TIC y Mayores, conectados al futuro”, publicado pola Fundación Vodafone, trata de efectuar unha proxección de cómo será a relación dos maiores coa tecnoloxía dentro de 8 anos. Coa finalidade de acadar este obxectivo, o estudo cuantifica a potencialidade actual dos usuarios de telefonía móbil e Internet.

En Galicia, estímase que o 65,38% dos enquisados con idades comprendidas entre os 56 e os 70 anos utilizaron Internet para recibir información ou realizar trámites nas administracións públicas (concellos, seguridade social, Xunta de Galicia, etc.), o que supón 5 puntos máis que a media estatal situada no 60,94%. Así mesmo, este estudo recoñece que o 44,07% dos galegos neste tramo de idades utilizaron Internet nos últimos tres meses, dos cales un 19,23% foi usuario dalgunha rede social.

En termos xerais, a Fundación Vodafone afirma que o 95% dos maiores de 65 anos usará a telefonía móbil no ano 2020 e un 31% utilizará Internet no conxunto do Estado. O 86,5% das persoas enquisadas que teñen entre 66 e 70 anos usa a telefonía móbil, unha porcentaxe que acada o 92,2% nas persoas de entre 61 e 65 anos, e o 92% no tramo de idades de 56 a 60 anos. 

Pode consultarse o resumo executivo na seguinte ligazón