O 17% dos libros editados en 2011 foi dixital

Data: 
19/01/2012

Segundo a Federación de Gremios de Editores de España (FGEE), en 2010 editáronse en España case 13.000 libros en formato dixital, segundo consta na Panorámica da Edición Española de Libros correspondente a ese ano e elaborada polo Ministerio de Cultura. Os 17.843 libros dixitais rexistrados en 2011 representan o 17% do total de obras inscritas na Axencia do ISBN en España e reflicten o crecente interese do sector editorial por ofrecer aos seus lectores títulos editados neste formato.
En total a Axencia española do ISBN,  transferida recentemente á FGEE, rexistrou en 2011 un total de 102.353 títulos, dos que 84.510 foron editados en papel e 17.843 en formato dixital. Segundo os datos da FGEE, a edición en papel caeu en 2011 un 12 por cento con respecto ao ano anterior, tendencia que se manterá mentres medra a edición dixital.
Segundo este estudo, publicado a comezos de 2011, o 75 por cento das editoras dispuña dun proxecto dixital e comezou a realizar, ou tiña previsto facelo nos próximos anos, accións de dixitalización, comercialización de obras dixitais ou de creación de obra exclusivamente dixital.
En 2010, a metade das editoras comercializaban un cinco por cento do seu catálogo en versión dixital, pero en 2012 unha de cada catro editoras comercializará máis da metade do seu catálogo en versión dixital.
En canto ao prezo dos libros dixitais, a tendencia que se observa é que será inferior á edición impresa nun 30%, aínda que unha de cada catro editoras consultadas considera que a redución podería chegar a alcanzar o 50%, segundo o citado estudo.
O 'Barómetro de Hábitos de Lectura e Compra de Libros' do primeiro semestre de 2011 indicaba que só o 6,8% dos españois declaran ler libros dixitais, e só un tres por cento dispoñen dun "e-reader", o que denota que "o mercado aínda é moi reducido".
Fronte a este avance do dixital, o libro de papel experimentou unha caída do 12%, xa que en 2011 a Axencia do ISBN rexistrou 84.510 obras (entre primeiras edicións e reedicións). Ademais, inscribíronse nesa axencia 9.246 obras máis noutros formatos diferentes (cd, dvd...). No conxunto do Estado a industria editorial alcanza os 80.000 títulos ao ano, cunha tirada media de exemplares de 3.790 e move anualmente 3.000 millóns de euros, un 0,7% do PIB.