Internet achega máis de 23.000 millóns ao PIB

Data: 
04/05/2011

Concretamente, o compoñente de Internet con maior incidencia no PIB foi o consumo privado dos fogares, que supuxo 14.000 millóns, seguido do comercio electrónico dos fogares, que achegou 8.900 millóns de euros, mentres que o gasto efectuado polos consumidores en acceso á Rede supuxo outros 3.500 millóns de euros.
O informe constata que o investimento asociado ás redes de acceso a Internet, realizado tanto polas operadoras de telecomunicacións como polas empresas que invisten en redes privadas, acadou os 3.800 millóns de euros en 2009.
O investimento das empresas noutros equipamentos asociados a Internet contou cunha achega de 4.600 millóns, co que o total xa supón un 3,3% do investimento privado total da economía española.
O estudo tamén estima a contribución "directa" de Internet na evolución do PIB nos próximos anos e a sitúa en 63.000 millóns de euros en 2015, o que suporía un incremento do 18% anual, pois chegaría a representar un 5,1% do PIB, isto é, 2,9 puntos porcentuais máis que en 2009.
En canto ao impacto indirecto de Internet no PIB, aqueles compoñentes que non son considerados pola Contabilidade Nacional, o comercio electrónico supuxo 157.000 millóns de euros, un 36% máis comparado con 2005.
A publicidade en liña ascendeu a 654 millóns de euros en 2009, até alcanzar o 11,6% da publicidade total dos medios de comunicación.
Impacto nas Pemes
Doutra banda, a consultora BCG tamén elaborou unha enquisa a máis de 1.000 pemes do conxunto do Estado co fin de avaliar o impacto de Internet nestas compañías. O 67% das pemes recoñeceron que aumentaron as súas vendas e un 63% admitiu que Internet lles permitiu ampliar o seu negocio internacionalmente. 
Segundo este estudo a Internet tamén incidiu na creación de emprego nas pequenas e medianas empresas que apostaron polas novas tecnoloxías, pois un 21% das empresas declarou que aumentou o seu persoal grazas á súa web corporativa. Non obstante, un 7% das pemes asegurou que reduciu o seu número de empregados debido á maior adopción de Internet.
Para rematar, o 24% das empresas con páxina web que foron consultadas declararon conseguir un crecemento nos ingresos totais durante os últimos tres anos, cun aumento do 17% para as empresas que contan con páxina web, fronte ao 13% das que non a teñen.