España supera a media europea no uso de Internet e banda larga nas empresas de 10 ou máis traballadores.

Data: 
19/12/2012

Eurostat publica un informe sobre o uso das TIC nas empresas de 10 ou máis traballadores nos 27 Estados membros da Unión Europea no 2012. Os indicadores analizados son a accesibilidade a Internet, as conexións a través de banda larga, a dispoñibilidade de páxina web e de aparatos portátiles para conexión móbil.

O acceso a Internet nas empresas da Unión Europea acada un nivel medio de penetración do 95%, aumentando progresivamente segundo o volume de empregados. Deste xeito, a totalidade das grandes empresas de 250 ou máis traballadores contan actualmente con conexión a Internet. En España este indicador sitúase 1 punto por riba da media europea (co 96%) no 2012 e mantense nun nivel semellante en relación ao ano anterior (97%).

O mesmo acontece coa conectividade a través de banda larga, onde o nivel medio de penetración na Unión Europea acada o 90%, pero cunha maior diferenza entre as empresas de 10 a 49 empregados (88%) fronte ao 98% das grandes empresas, o que se traduce nunha fenda de 10 puntos porcentuais. España sitúase 5 puntos por riba da media europea no ano 2012 (co 95%), pero retrocede 1 punto en relación ao 2011 (96%), a diferenza do conxunto da Unión Europea que incrementa 3 puntos neste mesmo período.

No tocante á dispoñibilidade de páxina web, a media europea sitúase no 71% con amplas diferenzas en función do tamaño da empresa, cunha fenda de 25 puntos entre as pequenas (o 68%) e as grandes empresas (o 93%).

O 48% das empresas proporciona aos seus empregados dispositivos portátiles para facilitar a conexión móbil a Internet. Esta porcentaxe é maior nas grandes empresas (88%), cunha fenda de 45 puntos en relación ás empresas de 10 a 49 traballadores (43%). Neste indicador o conxunto do Estado, co 45%, sitúase 3 puntos por debaixo da media europea, observándose unha fenda maior entre as pequenas (41%) e as grandes empresas (88%).

Pode consultarse o informe de Eurostat na seguinte ligazón