Descende o investimento en actividades de I+D das empresas de alta tecnoloxía

Data: 
24/03/2011

O INE sinala que as comunidades autónomas que tiveron o maior número de ocupados en 2009  foron Cataluña (con 328.200) e Madrid (264.500) e País Vasco (105.500). A estas comunidades séguelles Andalucía (101.900), Valencia (83.000 persoas), Castela e León (59.700) e Galicia (56.600). Isto sitúa a Galicia, en termos absolutos, como a sétima autonomía con máis traballadores neste sector estratéxico de alto contido tecnolóxico. Nas últimas posicións, sitúanse Cantabria (14.400) e A Rioxa (6.900).
As comunidades que presentaron unha maior porcentaxe de emprego nestes sectores, respecto do total de ocupados no conxunto do Estado, foron o País Vasco (11,3%), Navarra (11,2%), Cataluña (10,3%).
As cifras de negocios da alta tecnoloxía
A cifra de negocios das empresas galegas de fabricación de tecnoloxía alta e media alta acadou en 2009 os 9,072 millóns de euros fronte a 10,491 millóns do ano anterior, o que se reflectiu nun descenso no número de establecementos. Cabe salientar que o volume do negocio en Galicia superou os 13.346 en 2007 e os 10.622 millóns de euros en 2006.
No conxunto do Estado, o volume de negocio das empresas do sector de alta tecnoloxía situouse en 142.150 millóns de euros no ano 2009, cun descenso do 21,3% con respecto ao ano anterior.
O I+D no sector da alta tecnoloxía
No conxunto do Estado, as empresas de alta tecnoloxía investiron en I+D un total de 4.828,8 millóns de euros durante o ano 2009, un 2,2% menos que no ano anterior. Esta cifra supuxo un 63,8% do gasto total do sector empresarial en actividades de I+D. Non obstante, o número de ocupados en equivalencia a xornada completa dedicado a tarefas de I+D no sector de alta tecnoloxía ascendeu a 57.703,2 cun incremento anual do 6,9%.
Os últimos datos facilitados polo INE para o conxunto do Estado mostran que o valor da produción de bens de alta tecnoloxía acadou, practicamente, os 8.396,6 millóns de euros no ano 2009, un 12,4% menos que en 2008. En canto ao comercio exterior de produtos de alta tecnoloxía, as exportacións totalizaron 7.790,4 millóns de euros en 2009, o que supuxo un descenso do 1,8% respecto a 2008. Pola outra banda, as importacións rexistraron un descenso do 29,9% e chegaron aos 19.903,4 millóns de euros.
Nota metodolóxica
A efectos estatísticos, a definición de alta tecnoloxía empregada polo INE realízase mediante unha enumeración exhaustiva das ramas de actividade (enfoque por sectores) e dos produtos (enfoque por produtos) que son considerados de alto contido tecnolóxico.