A Comisión Europea afirma que Internet crea 2,6 postos de traballo por cada emprego se destrúe

Data: 
11/01/2012

A Comisión Europea presentou hoxe un plan para estimular o crecemento económico e a creación de emprego na UE que pretende duplicar o volume de comercio electrónico e servizos en liña cara a 2015. Bruxelas destaca o "potencial considerable" e os "beneficiosos efectos económicos" que pode achegar a economía baseada en Internet, que, segundo os seus cálculos, crea 2,6 postos de traballo por cada emprego que se destrúe.
Os comisarios europeos de Mercado Interior, Michel Barnier; Sanidade e Protección dos Consumidores, John Dalli, e Axenda Dixital, Neelie Kroes, presentaron a iniciativa encamiñada a "eliminar os obstáculos que até agora frearon o desenvolvemento da economía europea en Internet". En concreto, presentaron unha "folla de ruta" para alcanzar en 2012 un "mercado interior dixital" e unha comunicación (documento non lexislativo) con dezaseis acciones para dobrar a porcentaxe de vendas en Internet no marco do comercio polo miúdo (no 3,4%), así como a cota que representa a economía baseada en Internet no PIB europeo (actualmente do 3%) para 2015.
Dese xeito, a Comisión agarda que o comercio e os servizos en liña representen máis do 20% do crecemento e da creación neta de emprego nalgúns estados membros, como Francia, Alemaña, o Reino Unido ou Suecia antes do final de 2015.
A Comisión destacou que os servizos en liña ofrecen maior capacidade de elección aos consumidores e, de maneira especial, aos que viven en zonas rurais ou máis illadas. A Comisión calcula que os beneficios relacionados co comercio en liña, que ofrece mellores prezos e maior variedade de produtos e servizos, ascenden a 11.700 millóns de euros, o que equivale ao 0,12 % do PIB da UE.
Bruxelas estima que se o comercio electrónico representa o 15 % do comercio polo miúdo e se suprimisen as barreiras ao mercado interior, os beneficios para os consumidores alcanzarían os 204.000 millóns de euros, é dicir, o 1,7 % do PIB europeo. No entanto, a Comisión constatou "problemas" que obstaculizan un pleno investimento dos consumidores e as empresas nos servizos en Internet, como pode ser o descoñecemento ou incerteza sobre as regras que se aplican ao comercio en liña, a falta de transparencia en ocasións na oferta de produtos e os pagos ou os modelos de entrega, que a miúdo resultan caros.
Segundo a Comisión, o plan de acción pretende facilitar o acceso transfronteirizo aos produtos e contidos en liña, proporá remedios ás dificultades para facer os pagamentos e os envíos, fomentará a protección e a información dos consumidores e mellorará a resolución de litixios e a retirada de contidos ilegais.