O Hipersector TIC galego duplica o volume das exportacións en catro anos

Data: 
14/03/2019
  • En 2017 as empresas tecnolóxicas e de contidos galegas exportaron bens por valor de 105 millóns de euros fronte aos 50,7 millóns de euros rexistrados en 2013
  • O número de empresas do Hipersector TIC en Galicia rexistrou un crecemento sostido desde o ano 2013 de case un 10%
  • A  Comunidade conta, a día de hoxe, con máis de 23.300 empregados e 3.474 empresas TIC e de contidos rexistradas
  • Trátase do maior volume de emprego do últimos cinco anos e supón a incorporación ao sector de 1.335 traballadores novos no último ano
  • Galicia é a quinta comunidade autónoma cunha maior cifra de empresas deste segmento, só por detrás de Madrid, Cataluña, Andalucía e Comunidade Valenciana

No 2017 as exportacións de bens do Hipersector TIC en Galicia supuxeron uns ingresos de máis de 105 millóns de euros, o dobre do rexistrado catro anos antes, en 2013 con 50,7 millóns de euros. Son as cifras que sinala o Estudo sobre o Hipersector TIC de Galicia, que aglutina as empresas tecnolóxicas e de contidos da Comunidade, publicado hoxe  polo Observatorio da Sociedade da Información en Galicia (Osimga), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).

O informe indica que en 2018 o Hipersector TIC acadou os 23.308 traballadores, o que supuxo 1.335 novos traballadores no último ano. É a maior cifra de emprego rexistrada polo Hipersector TIC nos 5 últimos anos. O crecemento no emprego no último ano prodúcese, principalmente, no sector tecnolóxico que dá emprego a 18.163 traballadores e experimenta un incremento do 7,7% no último ano mentres que o sector de contidos conta con 5.145 traballadores e recupera a tendencia ascendente, cun aumento do 0,7% no último ano.

O Hipersector TIC galego conta actualmente con 3.474 empresas, rexistrando un aumento do 9,9% desde 2013. Estas cifras sitúan a Galicia como a quinta comunidade autónoma cunha maior cifra de empresas deste segmento, unicamente superada por Madrid, Cataluña, Andalucía e a Comunidade Valenciana.  Do total de empresas o 75,6% realizan actividades no sector TIC e o 24,4% no de Contidos.

Incremento do valor engadido bruto e das exportacións de bens

O valor engadido bruto (VEB) do Hipersector TIC galego aumentou un 9,1% no último ano e supera xa os 1.300 millóns de euros. Isto representa un crecemento moi significativo, por primeira vez, nos últimos 6 anos e indica unha tendencia positiva que garda relación co incremento no número de empresas e traballadores.

É preciso salientar que este incremento produciuse tanto no sector TIC como no sector Contidos. O VEB do sector TIC achégase ao 1.100 millóns de euros, cun crecemento do 9,4% no último ano. No caso do sector Contidos supera os 211 millóns de euros, cun aumento do 7,6% no último ano.

A actividade económica que acada unha maior cifra de exportación, un ano máis, corresponde á fabricación de equipos de telecomunicacións, acadando o 44,5% das exportacións do Hipersector TIC en Galicia.

Distribución do emprego por provincias e xénero

A análise provincial indica que A Coruña, cun 57,2%, e Pontevedra, cun 28,9%, son as que concentran un maior número de traballadores do Hipersector TIC. Nos últimos cinco anos, todas as provincias galegas experimentaron unha evolución positiva. Cabe salientar que dos 1.335 empregados incorporados ao Hipersector TIC no ano 2018, 836 creáronse na Coruña, o que representa un 62,6% dos novos traballadores.

Respecto á actividade onde se rexistrou o maior incremento de traballadores no último ano, destaca o das “Actividades da tecnoloxía da información e do servizo informativo”, que aumentou un 17,4%, superando os 10.250 empregados.

A análise do emprego segundo o xénero no Hipersector TIC indica que un 66,1% son homes fronte a un 33,9% de mulleres. Esta fenda de xénero faise máis patente no sector TIC, no que a porcentaxe de mulleres é do 31,6% mentres que no sector contidos, as mulleres representan o 41,9%. O crecemento durante o ano 2018 segundo o xénero foi do 6,8% no caso dos homes e do 4,7% para as mulleres. 

Poden consultarse os datos deste informe nos seguintes ligazóns:

 

 

Fonte: 

OSIMGA