A contratación de Internet no rural crece máis dun 20% en catro anos

Data: 
29/11/2019
  • A porcentaxe de fogares con servizo de banda larga supera o 76% nos concellos de menos de 10.000 habitantes
  • Tamén crece o uso de dispositivos electrónicos, en máis dun 13%, e o de Internet un 6,5%
  • A convivencia con estudantes elimina a fenda entre fogares rurais e urbanos, elevando a máis do 97% a contratación de internet nos concellos máis pequenos
  • Dous de cada tres galegos residentes no rural utiliza redes sociais, máis as mulleres que os homes, e especialmente os máis novos
  • O uso de apps en los dispositivos aseméllase xa ao conxunto de Galicia (94,6%), con especial incidencia do uso de aplicacións de mensaxería instantánea
  • A Xunta vai poñer en marcha un proxecto de mellora das comunicacións móbiles no rural cun investimento público de ata 5 millóns de euros
  • Desta actuación poderán beneficiarse núcleos de ata 118 concellos do ámbito rural nos que se ten detectado algún problema coa cobertura móbil

Tres de cada catro fogares do rural galego (máis dun 76%) contan con acceso a e Internet, o que supón un incremento de máis dun 20% en catro anos. Ademais, a convivencia con estudantes eleva a contratación a máis do 97% situándose en cifras similares a fogares con estudantes de zonas urbanas. Son datos do estudo “A Sociedade da Información no rural galego”, publicado hoxe polo Observatorio da Sociedade da Información de Galicia (Osimga), dependente da Amtega.

 

Incremento de actividade dixital no rural galego

O 68,7% dos galegos residentes no rural utilizou Internet nos últimos tres meses, o que supón un crecemento de algo máis de 6 puntos no último ano. O 33,1% utiliza a Rede para facer compras e o 50,7% a usa para acceder a servizos de Banca Electrónica.

 

Respecto ás compras online os galegos de zonas rurais destacan por riba da media da Comunidade na compra de roupa e complementos (o 55,3% dos residentes no rural e o 52,3% en Galicia), na compra de roupa e material deportivo (32,3% no rural e 31,7% do total) e na procura de equipamento electrónico (23,9% fronte ao 21,6%).

 

Crece tamén en medio punto porcentual o uso de dispositivos electrónicos, que se utilizan ademais de para realizar chamadas, para conectarse a Internet (74,2%), sacar fotos (65,8%) ou gravar vídeos (51,8%).

 

Redes sociais e apps

As redes sociais son un recurso de Internet empregado polo 65,8% dos internautas residentes no rural. Este uso está fortemente relacionado coa idade, superando o 90% dos internautas que as utilizan antes dos 44 anos e comezando a descender a medida que se incrementa a idade. Tamén empregan as redes para chatear ou enviar mensaxes (99,4%) ou para ver/compartir vídeos ou música (64,2%).

 

O uso de aplicacións entre os internautas galegos do rural (94,6%). é os das zonas urbanas (94,5%) é practicamente semellante. A grande maioría usa exclusivamente aplicacións gratuítas (97,9%) e as utilizan para redes sociais (96,1%), coñecer a predición meteorolóxica (70,9%) e usar a Banca Electrónica (46,4%)

 

Os internautas do rural, máis cautos ao subministrar información en Internet

Os internautas galegos residentes no rural sufriron menos incidentes de seguridade que o conxunto dos galegos que se conectaron a Internet no último ano: 25,8% no rural e 28,5% do conxunto de Galicia. O incidente máis frecuente é a recepción de spam, que supón un 78,9% dos incidentes. A grande distancia sitúanse as  vítimas de virus ou software malicioso (21,4%).

 

Un dos factores que poidan incidir neste feito é que os internautas residentes no rural mostran maior cautela que o conxunto de internautas galegos á hora de subministrar información sensible na Rede. Así, é menos frecuente que subministren datos persoais (54,9% no rural fronte ao 62,8% da media galega) ou que faciliten detalles de pago como o número de tarxeta de crédito ou de conta corrente (41,6% fronte ao 51,3% do conxunto de Galicia).

 

Pese a todo, o 56,8% non toma medias para protexer a súa intimidade na Rede, como cambiar o contrasinal do wifi privado ou facer copias de seguridade regulares da súa información (37%).

 

Mellora da cobertura móbil no rural

A Xunta vai pon en marcha un proxecto de mellora das comunicacións móbiles no rural cun investimento público de ata 5 millóns de euros. A Administración autonómica desenvolverá esta iniciativa en colaboración coa Federación Galega de Municipios (FEGAMP) e a través dun acordo marco que está previsto asinar nos vindeiros para facilitar aos concellos á adhesión a iniciativa, a partir de decembro

 

As entidades locais presentarán un proxecto que inclúa cesión dun terreo adecuado para a instalación das infraestruturas de telecomunicación. A previsión é a adxudicar o proxecto a operadores no verán de 2020, tras unha convocatoria pública en concorrencia competitiva. O obxectivo é completar a construción dos emprazamentos en dous anos. Desta actuación poderán beneficiarse núcleos de ata 118 concellos do ámbito rural nos que se ten detectado algún problema coa cobertura móbil.

 

 

Poden consultarse os datos deste informe na seguinte ligazón: Informe

 

 

Fonte: 

OSIMGA