A Xunta valora a aprobación do dominio puntoGal como un logro histórico para a proxección da lingua e a cultura galegas

Data: 
17/06/2013

O ICANN, o organismo internacional que goberna as direccións en Internet, informaba o pasado venres da aprobación da candidatura do dominio “.gal”, un logro histórico para Galicia, que contará cun espazo propio na rede, favorecendo a divulgación da lingua e a cultura galegas.
A Xunta de Galicia quere felicitar a todas as institucións e cidadáns que avalaron a iniciativa, impulsada pola Asociación puntoGal. Esta asociación, sen ánimo de lucro, foi constituída hai sete anos co obxectivo de conseguir a creación do dominio “.gal” en internet, e a encargada de realizar todos os trámites ante o ICANN.
A Administración autonómica vén apoiando institucional e financeiramente esta iniciativa e desde 2007 e achegou 490.000 euros á Asociación PuntoGal para o desenvolvemento das actividades necesarias para a presentación da candidatura. Deste importe, máis de 200.000 euros corresponden ao convenio asinado en 2012 entre a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e a Asociación puntoGal para financiar os custos de matrícula (150.000 euros), o aval esixido pola ICANN (40.000 euros), así como as accións de difusión e participación nas actividades co organismo internacional e outras entidades vinculadas ao regulamento da rede celebrarán nos vindeiros meses.
Un logro de toda a sociedade
O apoio de máis de 110 institucións de todos o espectros sociais e máis de 13.700 cidadáns foi chave na consecución do dominio. A puntoGal adheríronse máis dun cento de entidades, incluídas as principais institucións culturais (Real Academia Galega, Consello da Cultura Galega etc.) e educativas (Universidade de Santiago, Universidade de Vigo, Universidade da Coruña etc) e os principais centros de investigación tecnolóxicas até ducias de pequenas asociacións cuturais e profesionais, xunto con máis de 20 centros de emigrantes noutras comunidades autónomas e noutros países como Portugal, Francia, Suíza, Alemaña, Bélxica, Arxentina, Os Estados Unidos, O Uruguai e O Brasil.
Os beneficios dun dominio propio
Coa aprobación do “.gal” Galicia terá proxección no mundo dixital cun dominio propio, que permita localizar os contidos e a información cultural sobre a Comunidade dun xeito máis fácil e promover a publicación de novos contidos dixitais no noso idioma.
Cómpre destacar tamén a repercusión económica e cultural que reportará ás empresas e á Comunidade contar cun dominio propio en Internet. Así, as empresas que comercialicen na Rede produtos en galego (como tradutores automáticos, medios de comunicación etc) ou relacionados con Galicia (servizos turísticos, produtos culturais, gastronomía, enoloxía etc.) ao facelo a través de .gal poderán destacarlle dende o primeiro momento a proximidade física ao cliente, ou a súa especialización no mercado ou nos produtos galegos. Isto axudará a aumentar os ingresos das empresas que aposten polos produtos en galego ou relacionados coa cultura galega.
Autofinanciamento
PuntoGal será unha iniciativa que se autofinanciará. A Asociación comprometeuse diante da ICANN a que, unha vez consolidado o proxecto, se reinvistan todos os beneficios en programas que fomenten o galego nas novas tecnoloxías. Así o fai xa a Fundació puntCat coa súa Obra Social dende hai tres anos.
O .cat, para a lingua e cultura catalás, logrou rexistrar máis de 65.000 identificadores dende a súa aprobación hai cinco anos, o que pon de manifesto a viabilidade dos dominios lingüísticos.