Un 17% da poboación merca en Internet

Data: 
18/02/2011

Entre 2007 e 2010, a compra de produtos por Internet incrementouse 4,4 puntos porcentuais. O informe tamén destaca a venda de produtos e servizos por parte dos cidadáns a través de Internet. En 2010, o 8,6%, dos cidadáns, é dicir, un de cada doce, conseguiron vender produtos e servizos a través da Rede, 2,6 puntos porcentuais máis que en 2007, de feito, entre 2007 e 2010, en termos proporcionais medrou máis a venda de produtos a través de Internet, que a súa compra.
Canto maior é a idade do consumidor máis produtos de alimentación se adquiren, e son os que teñen entre 45 a 54 anos os que máis comida mercan na Rede. Por idades, os que máis compran son os homes de entre 25 e 34 anos, que aglutinan o 27,4 % das compras por Internet, seguidos do grupo que vai de 34 a 44 anos.
Os que máis usan internet para vender bens son os cidadáns de 35 a 44 anos, aínda que, segundo o informe, a sorpresa a protagonizan os que teñen entre 65 e 74 anos, que é o grupo de idade con máis crecemento nas vendas por Internet.
O tamaño de cidade tamén importa. Cantos máis habitantes ten o núcleo urbano, máis se tende a mercar produtos relacionados coa alimentación. Os homes con alto nivel de educación son os que máis produtos electrónicos consomen. As mulleres adultas de cidades medianas e grandes, e nivel alto de educación compran sobre todo comida. Os adolescentes compran máis roupa e material deportivo.
O estudo indica que en todas as comunidades autónomas medrou o uso do comercio electrónico, con Madrid (24%) á cabeza, seguida de Cataluña cun 22,6%, os residentes en Baleares (21,9%), vascos (20,9%) e navarros (19,9%).
Os que menos utilizan Internet para mercar son os cidadáns de Murcia, xa que apenas o 10,6 % dos habitantes da comunidade o fai, os canarios un 11% e os estremeños un 14,1%. Os cidadáns que máis produtos poñen á venda a través de Internet son os valencianos (12,1 %), seguido dos cataláns(10,9 %) e os estremeños (9,6 %). Pola contra, os que menos venden na Rede son os navarros (4,2 %), canarios (6 %) e manchegos (6 %).
Medra o negocio
As vendas por Internet aumentaron un 25 % durante 2010 até situarse nun total de 7.870 millóns de euros, 1.560 millóns máis que o ano anterior, segundo un estudo publicado polo portal de comercio electrónico Kelkoo.
O comercio electrónico supuxo o 3 % do comercio español polo miúdo, unha das cifras 'máis baixas' dentro da Unión Europea 'xunto con Italia e Polonia', segundo Kelkoo, que sinala ao Reino Unido como o país con maior cota de vendas por Internet cun 10,7 %.
Os compradores españois por Internet adquiriron unha media de 19 artigos en todo o ano nos que gastaron unha media de 795 euros en total. Kelkoo agarda que as vendas polo miúdo en Internet crezan un 19 % en España durante 2011 e que os compradores gasten unha media de 892,87 euros o próximo ano, un 12,3 % máis.
Así mesmo, estima que o Reino Unido seguirá liderando en 2011 as estatísticas de cota de comercio electrónico sobre o total, aínda que a súa porcentaxe de crecemento será menor que o español.
O comercio electrónico de viaxes
As vendas de viaxes a clientes a través dos sitios web españois alcanzaron os 7.000 millóns de euros en 2010, un 8,5% máis que no mesmo período do exercicio anterior, segundo o informe Comercio Electrónico de Viaxes realizado pola empresa DBK.
Destaca a actividade en Internet das compañías aéreas, que se está vendo favorecida polo incremento da demanda e a consolidación desta canle entre as principais operadoras. Nese sentido, a facturación das páxinas web españolas das aeroliñas supuxo o 37% da cifra de negocio total derivada da venda de viaxes na rede en 2010.
O negocio das axencias de viaxes virtuais, que concentran algo máis da terceira parte do total, experimentou un incremento do 8% o pasado exercicio, superando os 2.400 millóns de euros de facturación.
Así mesmo, as empresas de transporte terrestre -ferroviario e por estrada-, seguiron potenciando a actividade en liña, de xeito que aumentaron a súa facturación un 18% o ano pasado, até os 500 millóns de euros.