Tres de cada catro pequenas e medianas empresas galegas dispoñen de Software Libre

Data: 
08/04/2013

O Observatorio da Sociedade de Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA) publica o informe sobre o nivel de implantación do “Software Libre nas pequenas e medianas empresas de Galicia” correspondente ao ano 2012.
Un dos principais obxectivos desta análise recae na necesidade de incrementar a oferta de servizos e produtos sometidos a licenzas libres por parte do sector TIC galego, facilitado pola crecente demanda do software libre na sociedade, nas empresas e nas administracións públicas de Galicia. Neste senso, as iniciativas desenvolvidas pola AMTEGA sitúanse no marco do Plan de Software Libre 2013, en colaboración coas asociacións galegas de usuarios de software libre (AGUSL), das empresas do sector (AGASOL), do Consorcio para o desenvolvemento de aplicacións para a Xestión Universitaria de Galicia (CIXUG) e do Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia (CPEIG).
O 73,9% das empresas galegas de 10 a 249 traballadores/as dispoñen dalgunha tipoloxía de  software libre nos seus equipamentos, o que supón 10,3 puntos máis que no ano 2010. Un 65,1% das empresas dispón de software libre nos ordenadores e un 39,9% nos servidores.
As aplicacións de software libre máis frecuentes nas pequenas e medianas empresas galegas son os navegadores de Internet (45,4%), as ofimáticas (39,1%), xestores de correo (33,8%) e as de antivirus e seguridade (30,7%).
O nivel de satisfacción co uso do software libre nas Pemes sitúase nos 6,7 puntos nunha escala de 0 a 10, sendo lixeiramente superior a valoración do software privativo con 7,2 puntos. Un dos indicadores que reflicte a tendencia positiva no uso de licenzas libres está asociado a que un 56,9% das empresas que actualmente non dispoñen de software libre consideran que a súa utilización sería beneficiosa para elas, 21,9 puntos máis que no ano 2010, especialmente atendendo ao custo da súa implantación.
Os motivos máis sinalados polas pequenas e medianas empresas que non utilizan software libre na actualidade son o descoñecemento ou a falta de información (apuntada polo 49,4% das empresas enquisadas), a complexidade ou o risco perante o cambio (38,6%) ou a falta de formación sobre esta temática (35,6%). De feito, no ano 2012 só un 13,5% das empresas enquisadas recibiron accións comerciais en servizos e produtos elaborados baixo licenzas libres, fronte ao 43,5% que as recibiron en software privativo.
As actuacións para incentivar o software libre máis demandadas polas pequenas e medianas empresas de Galicia son: a potenciación de demostracións de funcionamento (46,9%) asesoramento no caso concreto de cada empresa (42,8%) e as axudas ou subvencións para a súa implantación (41,7%). Con este obxectivo, potenciaranse dende a AMTEGA, en colaboración coas entidades citadas, aquelas actuacións  encamiñadas a incentivar o uso do software libre neste sector estratéxico do sistema produtivo galego, no marco do Plan de Software Libre 2013 e a través da Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica (CeMIT) e o Centro Demostrador TIC (CDTIC), entre outros servizos públicos dispoñibles para o conxunto da cidadanía, das empresas e das administracións públicas de Galicia.
Pode consultarse o resumo executivo e o informe correspondente nas seguintes ligazóns:
Informe completo
Resumo Executivo