A telefonía móbil suma en España case 54 millóns de liñas

Data: 
10/01/2011

A telefonía móbil xa roza os 54 millóns de liñas (53,9 millóns) no conxunto do Estado tras sumar 103.566 novas altas no mes de novembro. Así o indica a última Nota Mensual da Comisión do Mercado das Telecomunicacións. A pesar de que se sumaron 205.279 liñas de contrato, en novembro déronse de baixa 101.713 liñas de prepagamento.

A portabilidade (o cambio de compañía sen perder o número de móbil) presentou un dos rexistros máis altos do ano: 427.139 números portados, un 6,1% máis respecto a o ano anterior.

Banda larga

En novembro contratáronse 71.840 novas liñas de banda larga. Así o total de liñas situouse en 10,5 millóns, un 8,5% máis en comparación co ano anterior.

Os operadores alternativos de banda larga (sen incluír aos operadores de cable) fixéronse con case o 59% das novas altas. Telefónica logrou o 24% das altas e os operadores de cable, o 17% restante.

A competencia no sector banda larga tamén se viu reflectida nos datos da portabilidade dos números fixos: a maioría destes cambios de compañía están asociados á contratación dun paquete de banda larga e voz con outra operadora. En novembro cambiaron de operadora 152.479 liñas de telefonía fixa, un 10% máis que no mesmo mes do ano anterior. A pesar disto, o total de liñas fixas diminuíu en 12.871 liñas, arrastrado, sobre todo, polo sector de negocio, no que se deron de baixa 23.524 números.