Seis de cada dez empresas tecnolóxicas desenvolven medidas de Responsabilidade Social Empresarial

Data: 
13/08/2017

 

  • As actuacións deste ámbito cunha maior presenza nas empresas TIC galegas son as relativas á seguridade e hixiene no traballo
  • No 2016 incrementáronse notablemente as políticas de conciliación laboral e familiar, que aplican xa preto do 44% das empresas do sector
  • Entre as políticas de Responsabilidade Social Empresarial enfocadas ao cliente, a información e asesoramento ao cliente é a actuación máis estendida
  • Favorecer canles de diálogo cos provedores é unha das prioridades para as empresas no ámbito de RSE cos provedores

 
En Galicia, 7 de cada 10 empresas TIC coñecen o termo “Responsabilidade Social Empresarial” (RSE), e 6 de cada 10 teñen implantado actuacións de RSE no seu funcionamento diario. Así se desprende do informe “A Responsabilidade Social Empresarial das Empresas TIC de Galicia. Edición 2016”, elaborado polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
 
A RSE: Un compromiso ante a sociedade
Entre as empresas que coñecen o termo de Responsabilidade Social Empresarial existen distintas sensibilidades respecto ao que implica o termo, sendo maioritarias as seguintes: as acepcións de compromiso ante a sociedade (97,6%), a da ética e a transparencia (97,5%) e de responsabilidade cos traballadores (96,3%).
 
As políticas dedicadas á seguridade e hixiene no traballo (54,7%), á conciliación laboral e familiar (43,9%) e á formación e capacitación dos empregados (37,1%), son as que contan cunha maior presenza dentro das empresas TIC galegas.
 
A totalidade de políticas de RSE analizadas incrementaron a súa presenza na empresa TIC galega, destacando o incremento de case 12 puntos nas medidas relativas á conciliación laboral e familiar, pasando dun 32% no ano 2014 ao 43,9% no ano 2016.
 
En canto ao nivel de actuación de políticas de RSE no ámbito mercantil, de cara ao cliente, ao consumidor e á Administración, as políticas de información e asesoramento sobre o produto ou servizo son a actuación máis estendida.
 
As actuacións de RSE especializadas en provedores son as que contan cunhas porcentaxes de integración máis baixas en termos globais. Non obstante, de maneira global as relacións cos provedores están a experimentar melloras, especialmente as actuacións destinadas a favorecer canles de diálogo cos provedores á fixación de prazos de pago que permitan aos provedores manter a súa viabilidade económica.
 
 
Análise segundo o sector de actividade provincial e número de empregados
Máis da metade das empresas TIC galegas, con independencia do seu sector, coñecen o termo RSE. Non obstante, é o sector das telecomunicacións o que conta cunha maior implantación deste tipo de medidas..
 
As empresas con sede fóra de Galicia pero que desenvolven a súa actividade en Galicia acadan unhas porcentaxes superiores en canto á integración de políticas de RSE. Dentro da Comunidade, Pontevedra e A Coruña son as provincias cunha porcentaxe maior de integración de RSE nas súas empresas.
 
En relación ao número de traballadores da empresa, o estudo conclúe que, a medida que aumenta o número de asalariados, increméntase tamén o coñecemento da RSE, acadando as porcentaxes máis elevadas entre as empresas TIC de 50 ou máis asalariados.
 
Ligazón ao informe