A redución da fenda dixital de xénero e a incorporación das mulleres ao mercado laboral como prioridades da Axenda Dixital 2014.gal

Data: 
08/03/2013

Con motivo do Día Internacional da Muller Traballadora do 8 de marzo o OSIMGA achega os datos referidos á fenda de xénero nas empresas TIC de Galicia do ano 2012 e as propostas de actuación realizadas no marco da Axenda Dixital 2014.gal
As mulleres nas empresas do sector TIC
En termos xerais, identifícase unha baixa representatividade do colectivo feminino nas áreas de dirección das empresas galegas, onde as mulleres desenvolven principalmente funcións administrativas.
As desigualdades de xénero acentúanse nas empresas de 10 ou máis traballadores/as, onde as mulleres contan cunha menor presenza no cadro de persoal. Dende o ano 2010, a porcentaxe de mulleres que desenvolven funcións TIC nas empresas de 10 ou mais traballadores/as incrementouse 3,5 puntos, pasando do 18,8% ao 22,3% do 2012.
No sector TIC galego traballan 5.877 mulleres e 9.607 homes, o que corresponde a unha proporción do 38% e o 62% respectivamente no ano 2012.
Os homes teñen maior presenza en todos os postos das empresas TIC, agás nos administrativos, que contan cunha maior presenza feminina. Un 11,4% das traballadoras do sector TIC posúe unha titulación específica de grao superior ou medio fronte ao 26,7% de homes.
No persoal dedicado a I+D+i nas empresas TIC galegas, un 81,6% son homes e o 18,4% mulleres. En relación ao ano 2010, a porcentaxe de mulleres nas tarefas de I+D+i nas empresas TIC incrementou 1,3 puntos.
Iniciativas para reducir a fenda dixital de xénero
As principais medidas de actuación desenvolvidas no marco da Axenda Dixital 2014.gal para reducir a fenda de xénero nas empresas do sector TIC e para garantir o acceso ás TIC das mulleres de cara á súa incorporación ao mercado laboral son as seguintes.
1. Divulgar e levar a cabo programas formativos orientados a mulleres e asociacións de mulleres, establecendo accións formativas que incentiven unha maior participación feminina nas ensinanzas técnicas relacionadas coas TIC e na I+D+i.
2. Desenvolver campañas de divulgación que faciliten o acceso e mellora da situación laboral das mulleres e das asociacións de mulleres, especialmente nos postos directivos e de toma de decisións.
3. Potenciar o Centro Demostrador TIC de Galicia como espazo de emprendemento para que as mulleres poidan desenvolver proxectos empresariais e tecnolóxicos.
4. Fomentar a Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica (Cemit), para impulsar as TIC e a Sociedade da Información en Galicia, con especial sensibilidade cara o colectivo feminino e as persoas maiores no medio rural.
5. Continuar analizando o estado de desenvolvemento da Sociedade da Información entre o colectivo feminino e o seguimento da fenda dixital de xénero, mediante a elaboración de informes específicos no Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA).
Poden consultarse os informes de empresas TIC do OSIMGA na seguinte ligazón: www.osimga.org