Publicado o estudo de CENTAC sobre tecnoloxías accesibles

Data: 
29/05/2013

A Fundación Centro Nacional de Tecnologías de la Accesibilidad (CENTAC) presenta o informe titulado “Eficiencia e aforro coa aplicación das tecnoloxías accesibles nas Administracións Públicas” coa finalidade de mostrar os beneficios do investimento nas TIC accesibles en diferentes ámbitos da xestión pública.
CENTAC considera que o investimento en produtos e servizos TIC deseñado baixo criterios de accesibilidade e usabilidade, ademais de garantir servizos obrigatorios, orixina un retorno económico, tanto para as Administracións como para os cidadáns e as empresas.
No ámbito sanitario o estudo analiza a aplicación dos servizos de telemedicina, que poden reducir nun 50% a necesidade de realizar consultas médicas presenciais e ata un 73% as consultas presenciais no servizo de urxencias.
Por outra banda, CENTAC afirma que a administración electrónica facilita a redución de cargas administrativas. De feito, estímase que por cada euro investido en TIC accesibles a Administración recupera 8,2 euros, que vén a sumarse ao aforro no desprazamento por parte dos usuarios.
Finalmente, indícase que o fomento do teletraballo pode facilitar a incorporación ao mercado laboral das persoas con discapacidade, aumentando así a produtividade, o aforro de custos e a xeración emprego. Neste senso, CENTAC destaca que no conxunto do Estado existen preto dun millón e medio de persoas con discapacidade en idade laboral, que poderían beneficiarse da implantación das TIC accesibles en diferentes sectores de actividade.
Pode consultarse o informe na seguinte ligazón:
http://www.centac.es/sites/default/files/col-cen-v4.pdf