Publicada a análise comparativa dos indicadores TIC nas Comunidades Autónomas realizada polo ONTSI

Data: 
11/07/2013

O informe anual “A Sociedade en Rede 2012” publicado polo ONTSI achega os principais indicadores TIC a nivel mundial, europeo, estatal e autonómico, con especial énfase nos datos correspondentes á Sociedade da Información nos fogares e nas empresas facilitados polo INE, correspondentes ao ano 2012.
A extensión da banda larga móbil a nivel internacional consolídase como elemento dinamizador das telecomunicacións, en sintonía coa información facilitada esta semana pola CMT para o conxunto do Estado.
Intensifícase a presenza das TIC nos fogares, marcada polo uso de Internet e unha maior conectividade das familias á Rede, segundo a análise por Comunidades Autónomas realizada polo ONTSI.
Un 67,9% dos fogares do Estado dispón de Internet, dos cales o 99,6% está conectado a través de banda larga. Neste senso, rexistrouse un incremento interanual superior aos 10 puntos de penetración no volume de fogares galegos con conexión a Internet, acadando o 63% no ano 2012.

O informe achega tamén os datos correspondentes ao uso de ordenadores, telefonía móbil, servizos e actividades en Internet por Comunidades Autónomas. Neste último indicador, Galicia destaca na porcentaxe de usuarios que buscan información sobre bens e servizos, que acada o 89,6% e supera en 3 puntos porcentuais a media estatal.
Outros indicadores TIC nos que Galicia acada os máximos niveis de penetración a nivel estatal están relacionados coa publicación de contidos propios en Internet (texto, fotos, música, vídeos, software, etc.); solicitudes de citas médicas a través da web, e creación de páxinas web ou blogs. Os mínimos rexístranse no uso de servizos relacionados con viaxes e aloxamento, así como nas conexións de voz a través de Internet e as videochamadas. 

Pode consultarse o informe completo na seguinte ligazón:
http://www.ontsi.red.es/ontsi/sites/default/files/informe_anual_la_sociedad_en_red_2012_edicion_2013_1.pdf