A primeira estratexia TIC da Xunta mobilizou 1.275 millóns de euros en seis anos que permitiron acadar unha Administración máis próxima, impulsar a dixitalización empresarial e estender a banda larga

Data: 
27/05/2015

O Goberno galego mobilizou no período 2009 - 2014 un total de 1.275 millóns de euros, entre capital público e privado, na execución da estratexia tecnolóxica 2014.gal, a primeira Axenda Dixital de Galicia. Así o destacou a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica (Amtega), Mar Pereira, na presentación do Balance da Axenda Dixital no Pleno do Observatorio para a Sociedade da Información (Osimga), celebrado hoxe en Santiago.
Pereira subliñou que, seis anos de políticas TIC a través de 2014.gal permitiron á Xunta avanzar cara unha administración máis próxima á cidadanía; facilitar ferramentas aos cidadáns para adaptarse aos cambios sociais derivados das TIC; reforzar os recursos territoriais con proxectos tecnolóxicos de calado en sectores estratéxicos para Galicia; impulsar a dixitalización empresarial e universalizar a banda larga.
Unha Administración máis próxima á cidadanía
O Plan de Modernización da Administración autonómica está a conseguir unha administración aberta á cidadanía as 24 horas do día os 365 días do ano. Neste eido, a sede electrónica da Xunta xa permite presentar telematicamente máis de 800 procedementos, preto do 50% do total, fronte á situación inicial en que só era posible realizar o 4%. Máis de 12.500 empregados públicos dispoñen sinatura dixital. Os avances no Nodo de Interoperabilidade PasaXe! evitaron á cidadanía a presentación de máis de 1 millón de copias de DNI e máis de 18.000 certificados de empadroamento.
As máis de 500 oficinas de Rexistro contan cun único sistema de información e estase a iniciar a súa dixitalización. Este ano entrará en funcionamento unha das pezas chave da eAdministración, o Arquivo Dixital Integrado, que permitirá xestionar o ciclo de vida completo de cada documento.
En 2012 púxose en marcha o Centro de Proceso de Datos integral (CPDi) de Galicia que xunto coa creación da Amtega, como entidade única para a xestión das políticas tecnolóxica da Xunta, están a consolidar un aforro anual de 6 millóns de euros en gasto tecnolóxico.
No eido xudicial, a execución do Plan Senda, permitiu que o 100% das salas xudiciais conten cun sistema de videoconferencia, que o 100% dos órganos xudiciais dispoñan do sistema Lexnet de comunicacións electrónicas seguras. Ademais, consolidouse o uso dos sistemas de información Minerva e Fortuny e dixitalizouse o traballo dos forenses do IMELGA e púxose marcha o portal da Xustiza, que albergará a sede electrónica xudicial que entrará en funcionamento este ano.
Adaptación aos cambios sociais
Actualmente, todo galego ten a media hora de distancia do seu fogar unha das 98 aulas da Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica (CeMIT), que impartiu 147.700 horas de formación TIC gratuíta entre 2011 e 2014. O Programa de Voluntariado Dixital (VOLDIX) estende a oferta pública de alfabetización dixital a colectivos en risco de exclusión a todo o territorio, grazas á achega de 103 entidades colaboradoras e máis de 400 voluntarios.
No ámbito educativo, o proxecto Abalar, posto en marcha no ano 2010, posibilitou xa que preto de 52.000 alumnos de 531 centros estuden en aulas dixitais. A posta en marcha neste curso 2014/2015 da plataforma eDixgal de contidos dixitais gratuítos e accesibles sen conectividade, beneficia a 2.300 alumnos de 5º de primaria de 84 centros.
O grao de desenvolvemento tecnolóxico no ámbito sanitario permite a Galicia abordar iniciativas como o H2050 e InnovaSaúde, o maior plan de innovación sanitaria da historia de Galicia cun investimento de máis de 90 millóns de euros, orientadas a mellorar a prestación sanitaria e os servizos asistenciais.
Este ano entrará en funcionamento a primeira versión da Historia Social Única, un dos fitos do Plan Trabe para a modernización tecnolóxica dos servizos sociais, permitirá acceder á información social dispoñible da cidadanía de forma unificada.

Reforzo dos recursos territoriais
Para contribuír ao fortalecemento dos sectores vinculados ao medio rural e mariño deseñáronse iniciativas tecnolóxicas como o proxecto TICPESC, a Oficina Agraria Virtual, o proxecto europeo STAMAR e o proxecto Videoguard.
Destaca tamén a posta en marcha do Plan Smart Turismo, para evolucionar cara un sector turístico máis competitivo, participativo e innovador e, no eido do Transporte, o inicio este ano da implantación do Sistema de Axuda á Explotación da Mobilidade (SAE), para permitir unha mellor xestión do transporte público de viaxeiros por estrada e unha eficiente atención aos viaxeiros
Dixitalización empresarial
No relativo á modernización tecnolóxica do tecido empresarial, cómpre destacar que dende a creación no ano 2011 do Centro Demostrador TIC de Galicia, como punto de encontro entre a oferta do sector TIC e demanda dos restantes sectores produtivos, levaba realizadas a finais de 2014 máis de 160 actividades ás que asistiron máis de 1000 empresas.
No relativo ás medidas de impulso ao sector TIC destaca o Pacto Tecnolóxico Dixital, que asinou o Goberno galego con 12 grandes empresas do sector TIC e o Clúster TIC galego para cooperar no desenvolvemento dixital de Galicia. A posta en marcha do centro de emprendemento TIC Galicia Open Future e a extensión de cobertura 4G son as primeiras iniciativas postas xa en marcha derivadas do Pacto.
No período 2009 - 2014, cunha achega pública de máis de 103 millóns de euros, mobilizáronse máis de 228 millóns de euros para potenciar o sector da economía do coñecemento e a empresa dixital.
Universalización do servizo de banda larga
A posta en marcha do Plan Banda Larga permitiu que máis de 740.000 habitantes que carecían de cobertura de servizo de banda larga no ano 2009 dispoñan agora deste servizo. Así as actuacións do Plan incrementaron a probación con cobertura de internet do 71% ao 98% a través de redes fixas e sen fíos e o 2% restante a través de satélite. Desde finais de 2013 máis de 1,4 millóns de galegos teñen acceso a redes de nova xeración (NGA) de ata 200 Mbps, cumprindo con dous anos de adianto o obxectivo sinalado pola Axenda Dixital para España en materia de telecomunicacións e redes ultrarrápidas.
A nova folla de ruta en materia tecnolóxica: Axenda Dixital de Galicia 2020
Finalmente, a directora da Amtega explicou que Galicia conta xa cunha nova folla de ruta para articular e consolidar un modelo de crecemento vinculado á economía dixital. O pasado 30 de abril aprobouse no Consello da Xunta de Galicia a nova Axenda Dixital de Galicia 2020 cuns obxectivos renovados que establecen 20 desafíos a cumprir no que resta de década e que mobilizará máis de 1.500 millóns de euros no período 2015 – 2020 entre fondos públicos e privados.
 
Informes:
Axenda Dixital de Galicia. Balance 2009-2014
Osimga. Memoria 2014