A porcentaxe de fogares galegos con conexión a internet en concellos de 50.000 a 100.000 habitantes supera o 80%, case 9 puntos por riba da media estatal

Data: 
28/10/2013

A porcentaxe de fogares galegos con conexión á Internet nos concellos de poboación de 50.000 a 100.000 habitantes é do 80,2%, superando a media estatal en 8,9 puntos. A porcentaxe de contratación de á banda larga nestes municipios creceu máis dun 10% respecto a 2012. É un dos datos proporcionados polo Instituto Nacional de Estatística (INE) sobre equipamento e uso das tecnoloxías da información e comunicación nos fogares en 2013 e que pon de manifesto que o hábitat poboacional segue a ser un dos factores que determinan claramente a fenda dixital existente en Galicia.
Segundo a análise do informe realizado polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (Osimga), Galicia ascende un posto no ranking estatal e ocupa a segunda posición na interacción da cidadanía coas Administracións Públicas a través de Internet, tanto na obtención de información como na descarga de formularios.
Cabe destacar a forte expansión da conexión a Internet a través de banda larga móbil xa que máis da metade dos fogares galegos con Internet contratado accede á Rede través dun dispositivo de man (teléfono móbil de últimas xeracións), 8 puntos máis que a media estatal.
Así mesmo, o fenómeno das redes sociais tamén cala fondo entre os internautas galegos que superan a media estatal na participación tanto nas redes de ámbito xeral como nas de tipo profesional.
Conexión a Internet e equipamento TIC
A conexión a Internet está presente no 64,7% dos fogares galegos, fronte ao 69,8% que rexistra o conxunto do Estado. A conexión á Rede en Galicia experimentou un incremento do 2,7% con respecto a 2012. Este incremento é semellante ao do Estado (2,8%). Un 64% dos fogares de Galicia están conectados á Rede mediante banda larga, un 2,7% máis ca no ano 2012.
Cabe salientar que entre as vivendas que dispoñen de acceso a Internet en Galicia, máis da metade (55,2%) accede a través dun dispositivo móbil, 8 puntos máis que a media estatal. A conexión a Internet a través de rede por cable ou fibra óptica sitúase nun 24,9%, 6 puntos máis que a media estatal (18,9%).
Segundo os datos que ofrece o INE, o 68,5% dos fogares galegos dispón dalgún ordenador, diminuíndo nun punto a distancia respecto da media estatal e experimentando un incremento do 0,7% con respecto aos datos do ano anterior. A media estatal (73,4%) rexistrou un lixeiro retroceso (-0,7%) no último ano.
Uso das TIC
O 66,4% dos galegos e galegas utilizaron o ordenador nos últimos tres meses, reducindo a diferenza coa media estatal en 0,5 puntos porcentuais e cun incremento dun 0,5% máis que no ano 2012. Un 65,3% da poboación galega empregou Internet nos tres últimos meses, cun incremento do 2,8%, con respecto ao ano anterior.
Un 21,2% da poboación galega adquiriu algún produto ou servizo a través de Internet nos últimos tres meses, situándonos a 1,5 puntos da media estatal.
Unha das conclusións máis positivas desta última enquisa do INE é a vantaxe de Galicia respecto do Estado no uso de ordenador e Internet no grupo de idade de 16 a 34 anos. A proporción de galegos de 16 a 34 anos que usaron o ordenador e Internet nos últimos tres meses en Galicia superou o 92%, situándose por riba do valor estatal.
Ademais, Galicia experimentou unha evolución moi positiva en ambos indicadores nos tramos de idade superiores aos 45 anos, sendo especialmente significativo o incremento no tramo de idade de 65 a 74 anos, con aumentos do 77,5% no caso do ordenador e do 57,1% no uso de Internet nos últimos meses.
O uso dos servizos de Internet, por parte dos internautas galegos presenta, na maioría dos casos, valores superiores aos do resto do Estado. Un 78,7% le ou descarga xornais ou revistas en liña, 8,5 puntos porcentuais por riba da media estatal. Un 65% dos galegos usuarios de Internet participa en redes sociais de carácter xeral, como Facebook, Twitter o Tuenti, creando un perfil de usuario, enviando mensaxes ou outras contribucións.
Por outra parte, o 15,3% dos internautas galegos usou Internet para participar en redes de tipo profesional, como Linkedin ou Xing. Estas porcentaxes de uso das redes sociais superan a media estatal en 0,7 e 0,9 puntos, respectivamente
É significativo o maior uso dos galegos (4,8 puntos máis que o Estado) en servizos relacionados coa participación política e social: tomar parte en consultas en liña e votacións sobre asuntos cívicos e políticos. Tamén resulta salientable o uso de Internet para realizar chamadas de voz ou videochamadas (6,3 puntos máis que a media estatal)
A Administración electrónica
Os datos do INE correspondentes ao ano 2013 mostran que Galicia sube un posto no ranking de Comunidades Autónomas no uso dos servizos da e-Administración durante os últimos doce meses. Galicia ocupa a segunda posición na interacción coas Administracións Públicas a través de Internet para obter información e descargar formularios, sendo só superada pola Comunidade de Madrid.
Un 61,5% dos internautas galegos obtivo información de páxinas web da Administración (5,5 puntos máis que a media estatal), un 43,1% descargou formularios oficiais (3,5 puntos máis que a media estatal) e un 33,6% enviou formularios cumprimentados a través de Internet (1,7 puntos máis que a media estatal).