Os fogares galegos con conexión a internet de banda larga incrementáronse un 50% no período 2010-2014

Data: 
16/05/2015

Un 69,1% dos fogares de Galicia están conectados á Rede mediante banda larga, un 8% máis que en 2013, o que sitúa á Comunidade a catro puntos da media estatal. Os últimos datos do INE sobre equipamento e uso das tecnoloxías da información e comunicación nos fogares en 2014constatan que nos últimos catro anos se incrementaron en preto dun 50% os fogares galegos que contan co servizo de banda larga contratado. En 2010, ano no que arrancaba o Plan de Banda Larga da Xunta, a porcentaxe de fogares con internet contratado era do 46,5%.
Tipo de conexión e hábitat
Respecto ao tipo de conexión, un 82,9% accede a través de dispositivos móbiles, 1,2 puntos máis que a media estatal. A conexión a Internet a través de rede por cable ou fibra óptica sitúase nun 26,8%, 5,9 puntos máis que a media estatal (20,9%).
Respecto aos datos relativos ao tamaño do hábitat, é salientable que, por primeira vez, nos concellos con poboación de 20.000 a 50.000 habitantes, a media galega supera á estatal nos 3 indicadores principais: vivendas con ordenador, con acceso a Internet e con banda larga. Así, a porcentaxe de vivendas con ordenador acada case o 80%,  superando a media estatal en 7,1 puntos. Ademais, no caso da conexión de banda larga (73,4%), tamén se supera a media estatal en 1,4 puntos.
A convivencia con nenos, factor determinante na contratación
Segundo datos do Informe “A mocidade e as TIC do O Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), a convivencia con nenos inflúe positivamente na contratación e uso de internet. O 83,2% dos fogares galegos con rapaces de 3 a 16 anos dispón de servizo de internet de banda larga, fronte ao 59,8% dos domicilios sen nenos.
En canto ao uso de internet os fogares con nenos rexistran unha porcentaxe  do 78,7% neste tipo de fogares, 18,8 puntos máis que aqueles nos que non conviven nenos en idade escolar
Uso das TIC
Respecto ao uso de internet, o INE sinala que un 25,9% da poboación galega adquiriu algún produto ou servizo a través de Internet nos últimos tres meses, experimentando un crecemento do 22,2% respecto ao ano anterior, lixeiramente por riba da taxa de variación interanual estatal (21,1%).
Unha das conclusións máis positivas desta última enquisa do INE é que, por primeira vez,  Galicia avantaxa á  media estatal no uso de ordenador e de Internet no grupo de idade de 16 a 44 anos, que acada o 91%.
Ademais, Galicia experimentou unha evolución moi positiva no uso de Internet ,cando menos unha vez á semana ,entre os maiores de 55 anos, con incrementos do 26,1% no tramo de idade de 55 a 64 anos e dun 49,6% nos maiores de 65 anos.
O uso dos servizos de Internet, por parte dos internautas galegos presenta, na maioría dos casos, valores superiores aos do resto do Estado. Un 87,3% le ou descarga xornais ou revistas en liña, case 10 puntos porcentuais por riba da media estatal. Un 65,3% dos galegos usuarios de Internet participa en redes sociais.
É significativo o maior uso dos galegos en servizos como a solicitude da cita médica a través da páxina web (case 14 puntos máis que a media estatal). e en servizos relacionados co entretemento, tales como xogos, películas e música, preto de 4 puntos máis que a media estatal.
A Administración electrónica
Segundo os datos do INE Galicia ascende un posto e pasa a ocupar a 1ª posición na interacción coas Administracións Públicas a través de Internet cunha porcentaxe do 72,6%, 9,2 puntos máis que a media estatal
Segundo a forma de interacción, Galicia tamén ocupa a 1ª posición no ranking de Comunidades Autónomas para obter información de páxinas web da Administración e a 2ª posición na descarga de formularios, sendo só superada pola Comunidade de Madrid. Ademais, ascende 4 postos no ranking respecto ao envío de formularios cumprimentados, pasando da 7ª posición no ano 2013 á 3ª posición no 2014.