Os 443 centros de saúde que atenden ao 98,4% da cidadanía galega xa dispoñen de acceso á historia clínica e á receita electrónica

Data: 
03/01/2011

No que se refire ao uso da receita electrónica no eido da Atención Especializada, dos 14 hospitais do Servizo Galego de Saúde 13 xa dispoñen da e-receita, e só queda pendente a súa implantación no Hospital da Costa (Burela), que disporá desta tecnoloxía dende o próximo 25 de xaneiro.
O Servizo Galego de Saúde, afirma que a implantación da receita electrónica leva consigo importantes vantaxes, xa que, con este sistema, cando o médico introduza a prescrición electrónica dun tratamento crónico os pacientes poderán recoller directamente os seus medicamentos, presentando unicamente a súa tarxeta sanitaria na oficina de farmacia.
A receita electrónica permite, ademais, que o usuario non precise acudir ao centro de saúde cada vez que teña que solicitar novas receitas dos medicamentos xa prescritos. Isto implica  para o Goberno galego importantes melloras na calidade asistencial, xa que diminúe o número de consultas para renovación de receitas nos centros de saúde, permitindo así ao médico dispoñer de máis tempo para o diagnóstico e tratamento.
O Servizo Galego de Saúde indica que grazas a este avance, as consultas administrativas –aquelas ás que os usuarios acoden para recoller receitas- baixaron un 30%, o que “supón 1,5 millóns de citas menos para consultas administrativas”, sinalou. Para a Xunta de Galicia a receita electrónica facilita unha "xestión máis eficiente dos recursos farmacoterapéuticos e asistenciais," posibilitando a “contención do gasto farmacéutico”, unha das principais liñas estratéxicas da Consellería de Sanidade e Servizo Galego de Saúde.
Doutra banda, afirman que este sistema supón unha maior seguridade na prescrición, dispensación e uso dos medicamentos, xa que fomenta a comunicación entre médico e farmacéutico. Deste xeito, a información que recolle a historia farmacoterapéutica é máis completa.
Así mesmo, o Servizo Galego de Saúde anunciou que dende a última semana do ano 2010 a cidadanía galega ten acceso dende Internet a través do portal do Sergas (http://www.sergas.es) ao seu historial farmacoterapéutico e ao seu plan de dispensación, e ao custe que isto supón. Con esta medida, a Administración sanitaria galega “pretende concienciar aos galegos” do custe do seu tratamento farmacolóxico e, tamén, facilitarlles unha información máis accesible do seu tratamento actual.
Grande infraestrutura
Na actualidade cóntase con oito centros de procesamento de datos: un central e sete nos centros hospitalarios das áreas sanitarias que actúan de nodos para o servizo dos centros da súa área de influenza. Os oito centros constitúen unha rede troncal de alta dispoñibilidade e capacidade replicada con dúas tecnoloxías distintas; e os centros de saúde conéctanse, á súa vez, a esa rede troncal tamén a través de dúas tecnoloxías distintas (ambas activas) para asegurar a máxima dispoñibilidade nas comunicacións.
Segundo a cobertura proporcionada pola operadora, a provisión de servizos pode facerse por fibra óptica, cobre, radioenlace ou satelite, usando tecnoloxias de macrolan, punto a punto, ADSL, WIMAX ou LMDS.