Oito de cada dez concellos galegos empregan software libre

Data: 
02/10/2016
  • O 82,6% dos concellos dispón de software libre nalgún equipo informático, experimentando un incremento de máis de 3 puntos porcentuais respecto á edición anterior.
  • No caso dos Navegadores de Internet, a porcentaxe de concellos que opta só por software libre é máis do dobre que a que opta só por software privativo.
  • Case a metade dos concellos galegos, que contan cun xestor de contidos de portais e páxinas web, optan pola modalidade de software libre, superando en 7,4 puntos ao software privativo.
  • Máis da metade dos concellos, que contan na súa páxina web con documentos descargables, opta exclusivamente por estándares abertos
  • A principal acción que se demanda dende os concellos para a promoción do software libre é a formación aos usuarios nesta materia

 
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), a través do OSIMGA, publica os resultados do informe sobre o Software Libre nos Concellos de Galicia, con período de referencia o último trimestre do ano 2015.
Este informe enmárcase na Axenda Dixital de Galicia 2020, que sinala, entre os seus obxectivos, a aposta estratéxica polo fomento do uso do software libre e de fontes abertas na Administración. Así, dende o 2010  póñense  en  marcha  estratexias  anuais  de software libre nas que colaboran todos os axentes galegos  tanto  en  accións  de  fomento  e  difusión como de formación.
Entre outras actuacións, nos últimos anos comezou a implantarse o Plan de migración do posto de traballo a Software Libre, e continuouse coa formación en materia de software libre ao empregado público (EGAP) e coas as actividades de asesoramento e difusión sobre ferramentas libres aos diferentes departamentos da Xunta. Así mesmo, mantívose o impulso á liberación de proxectos da Xunta no Repositorio de Software Libre.
 
 
Nivel de implantación do Software Libre nos concellos galegos
 
O 82,6% dos concellos dispón de software libre nalgún equipo informático, en ordenadores de usuario ou servidores, aumentando 3,1 puntos porcentuais respecto á edición anterior. Concretamente, o 77,1% dos concellos galegos contan con software libre nos ordenadores de usuario e o 47,3% dos concellos contan con software libre nos seus servidores.
 
O software libre ten maior implantación nas aplicacións libres que nos sistemas operativos dos ordenadores. Así, a porcentaxe de concellos con aplicacións libres nos ordenadores duplica á dos que dispoñen de sistemas operativos. En canto aos servidores, a tendencia invértese: A presenza de software libre é lixeiramente superior nos sistemas operativos.
 
A combinación de software libre e software privativo é a máis común en todas as aplicacións informáticas de uso xeral analizadas, agás no caso do antivirus e seguridade, no que é o software privativo o que ten unha maior presenza. É salientable que no caso dos Navegadores de Internet, a porcentaxe de concellos que opta só por software libre (26%) é máis do dobre que a que opta só por software privativo (11%)
 
Case a metade dos concellos galegos, que contan cun xestor de contidos de portais e páxinas web, optan pola modalidade de software libre, concretamente o 48,1%, superando en 7,4 puntos ao software privativo.
 
Máis da metade dos concellos, que contan na súa páxina web con documentos descargables, opta exclusivamente por estándares abertos, concretamente o 51,7%, e o  40,1% dos concellos emprega as dúas tipoloxías de estándares mentres que un 6,2% emprega aínda exclusivamente estándares pechados. .
 
 
Barreiras e propostas de actuación
 
A falta de formación é a razón principal pola que os concellos non contan con software libre nas súas entidades (64,8%), seguido polo descoñecemento do software libre ou a falta de información e a falta de persoal ou de cualificación, estas dúas causas acadan o 56,4% e o 56,2%, respectivamente.
 
Non obstante, o 80% dos concellos galegos consideran que o software libre aumentará ou manterase nos próximos dous anos.
 
A principal acción que se demanda dende os concellos para a promoción do software libre é a formación aos usuarios nesta materia (83,8% dos concellos), seguido polo asesoramento ao caso concreto do concello cun 75,9%.
 
Pode consultarse o informe completo elaborado polo OSIMGA na sección de documentos de: http://www.osimga.org
 
Informe "O software libre nos concellos de Galicia"