O sector TIC galego resiste o envite da crise económica e mantén o mesmo volume de emprego directo dende o ano 2009

Data: 
01/04/2013

O informe sobre a “Situación do emprego no sector TIC e no sector da economía do coñecemento en Galicia”, elaborado polo OSIMGA, achega os datos do IGE procedentes dos ficheiros de afiliacións e contas de cotización facilitados pola Seguridade Social do ano 2012.
O volume de emprego no sector da economía do coñecemento acada os 30.369 traballadores/as no ano 2012, pero reduce 1.374 afiliacións en relación ao ano anterior, que afectan principalmente ao réxime xeral de cotización á Seguridade Social. O sector TIC, cun promedio de 15.473 afiliacións no 2012, mantense nunha situación de equilibrio dende o ano 2009 e representa máis do 50% do volume de emprego no conxunto das actividades agrupadas na economía do coñecemento, entre as que se atopan o sector dos contidos, o sector da biotecnoloxía, o sector editorial e as axencias de publicidade. Como dato positivo destaca o sector da biotecnoloxía, que incrementou un 3,3% o seu volume de emprego en relación ao ano 2011.
No ano 2012 o sector TIC empregou un promedio de 5.886 mulleres e 9.587 homes, o que representa un reparto porcentual o 38% e o 62% respectivamente e amosa a existencia dunha fenda de xénero que aumenta en 6 décimas en relación ao ano anterior.
A distribución territorial do emprego amosa unha polarización da actividade nas provincias da Coruña e Pontevedra, que concentran o 85% dos traballadores/as do sector TIC e do sector da economía do coñecemento en Galicia.
O informe recolle as iniciativas desenvolvidas pola Xunta de Galicia para fomentar a xeración de emprego, lograr e equilibrio territorial e reducir a fenda de xénero no sector TIC e no conxunto dos sectores que conforman a economía do coñecemento en Galicia. Entre elas destacan as actividades desenvolvidas no Centro Demostrador TIC de Galicia (CDTIC) e no clúster TIC, así como os plans provinciais Impulsa Lugo e Impulsa Ourense para a posta en marcha de novos proxectos empresariais. 
Pódese acceder ao informe completo na seguinte ligazón.