O sector TIC de Galicia creará máis de 4.500 novos postos de traballo nos próximos 5 anos

Data: 
03/07/2021
  • No ano 2019, preto de 13.000 alumnos/as estaban matriculados en carreiras STEM, un 21,3% do total do alumnado no Sistema Universitario de Galicia.
  • O 83,6% das persoas tituladas en áreas STEM en Galicia incorporouse ao mercado laboral nos dous anos seguintes ao rematar os seus estudos universitarios. 
  • O sector TIC segue a ser a principal fonte de emprego para as persoas tituladas STEM (29,8%) pero obsérvase a incorporación de perfís STEM a todos os sectores produtivos: Actividades científicas e técnicas (22,3%) e a Industria e construción (20,3%).
  • O 14,4% das empresas TIC de Galicia conta con perfís relacionados cos servizos na nube (Cloud) e un 13,2% conta con profesionais vinculados á xestión do dato (big data). 
  • Unha de cada dez empresas TIC de Galicia conta con perfís STEM nas áreas da Ciberseguridade IoT, a industria 4.0 e a automatización 
  • O 6,6% das empresas TIC de Galicia conta con perfís STEM na área das tecnoloxías ambientais e a eficiencia enerxética.
  • O 74,8% das persoas egresadas en STEM desenvolven a súa traxectoria profesional en Galicia.
  • Co actual ritmo de crecemento, o sector TIC de Galicia creará máis de 4.500 novos postos de traballo nos próximos 5 anos. 
  • Case tres de cada catro empresas TIC galegas (73,4%) indican que é difícil ou moi difícil cubrir os postos que requiren titulación STEM.
  • Demanda específica de perfís profesionais ao abeiro das tecnoloxías disruptivas: un 47,2% das empresas TIC de Galicia que desenvolve funcións no ámbito da Xestión dos datos demanda perfís relacionados con Big Data e un 42,5% as empresas TIC de Galicia con liñas de negocio no ámbito da Ciberseguridade demanda perfís dixitais especializados nesta materia.

Santiago de Compostela 2 de xullo de 2021.-  O 14,4% das empresas TIC de Galicia conta con perfís relacionados cos servizos na nube (Cloud) e un 13,2% conta con profesionais vinculados á xestión do dato (big data). Así mesmo, unha de cada dez empresas TIC de Galicia conta con perfís STEM nas áreas da Ciberseguridade Internet das Cousas (IoT), a Industria 4.0 e a Automatización e o 6,6% das empresas TIC de Galicia conta con perfís STEM nas áreas das tecnoloxías ambientais e a eficiencia enerxética.

Son os resultados do informe: “Talento Dixital: Estudo da Traxectoria profesional dos perfís STEM de Galicia",  publicado hoxe polo Observatorio da Sociedade da Información en Galicia (Osimga), adscrito á Amtega. Este estudo encádrase no marco da Estratexia Dixital de Galicia 2030, que establece a especialización tecnolóxica e o impulso ao talento dixital como un dos piares sobre os que pivota o futuro dixital de Galicia

Formación e inserción laboral

No ano 2019, no Sistema Universitario de Galicia encontrábanse matriculados 61.029 alumnos/as, dos cales 12.996 corresponden a graos STEM, o que representa un 21,3% do total do alumnado das tres universidades galegas. 

Se ben a demanda de carreiras científico tecnolóxicas segue unha tendencia crecente, o incremento de matriculados/as nas carreiras STEM (2,6% no período 2015-2019) é menor que o do conxunto de estudos universitarios que medraron a un ritmo do 10,3% nese mesmo período. 

A desaceleración no incremento do número de persoas matriculadas e tituladas en estudos STEM que se está producindo nos últimos anos contrasta co alto nivel de inserción laboral dos profesionais deste ámbito. O 83,6% das persoas tituladas en áreas STEM en Galicia está incorporado ao mercado laboral nos dous primeiros anos tras rematar os seus estudos, mellorando o dato global para o conxunto do sistema universitario de Galicia (79,6%). 

Resulta salientable que a inserción laboral das mulleres no mercado laboral STEM acada o 83,9% e supera lixeiramente a porcentaxe que se rexistra entre os homes 83,3%.

Os egresados/as en STEM mostran un alto grao de satisfacción cos seus estudos universitarios. Oito de cada dez egresados/as (80,9%) STEM volvería a cursar a mesma titulación, porcentaxe que ascende por riba do 90% no caso dos graos tecnolóxicos (Enxeñarías Informáticas, Telecomunicacións e Industrias) e acada o seu valor máis alto entre os Matemáticos/as (96,4%).

Traxectoria profesional dos egresados/as galegos/as en STEM

Tras analizar a formación académica e a inserción laboral do persoal titulado en carreiras STEM no Sistema Universitario de Galicia, este estudo aborda a súa traxectoria profesional e caracteriza o seu emprego.

Actualmente, constátase a convivencia de perfís tradicionais coa incipiente presenza doutros novos roles ou profesións no campo das tecnoloxías disruptivas. Así, os perfís STEM comezan a desenvolver funcións no campo da Industria 4.0 e a Automatización, as Tecnoloxías verdes, a Ciberseguridade, as Tecnoloxías Cloud e como científicos de datos (Big Data e Bussiness Ingelligence)

A incorporación de perfís STEM en todos os sectores produtivos xera un efecto tractor da dixitalización no conxunto do tecido empresarial. Trátase dun emprego de calidade e transversal á maioría das areas da economía. Con todo, o sector TIC segue a ser a principal fonte de emprego para as persoas tituladas STEM (29,8%) seguido polas Actividades científicas e técnicas (22,3%) e a Industria e construción (20,3%). En cuarto lugar, a Administración dá emprego ao 14,9% dos egresados/as en STEM.

A Estratexia Dixital de Galicia 2030 sinala que é necesario asegurar a retención e atracción de especialistas para responder ás necesidades de transformación dixital actuais e futuras. O 74,8% das persoas egresadas en STEM desenvolven a súa traxectoria profesional en Galicia. Esta porcentaxe elévase ao 81% no caso das persoas egresadas en Matemáticas. 

O 20,9% dos perfís STEM traballa actualmente no resto do territorio español mentres que os que optan por desenvolver unha carreira profesional noutro país europeo son minoritarios, con porcentaxes que se sitúan por baixo do 5% en todas as titulacións STEM.

A dixitalización da economía está a crear novas profesións e novas oportunidades laborais pero tamén implica que os profesionais terán que actualizarse ao longo da súa traxectoria profesional. Os resultados deste estudo constatan que os profesionais STEM adquiriron novas habilidades e competencias dixitais ao longo da súa traxectoria profesional. O 68,1% dos perfís STEM amplía as súas capacidades dixitais a través dun máster ou dun doutoramento. En segundo lugar, case un 25% opta por formación non regrada proporcionada por un centro privado e un 21,3% amplía os seus estudos cun segundo título universitario, contando así con dobre titulación. 

Un amplo 84% destes profesionais STEM decide formarse en áreas e temáticas vinculadas ao seu grao universitario e un 11,1% opta por especializacións noutras áreas distintas e non relacionadas coas STEM

Demanda de perfís dixitais no sector TIC de Galicia

O sector TIC empregaba a 19.343 persoas en Galicia en 2020, cun crecemento do 1,9% no ultimo ano. É un dos sectores económicos máis resilientes na actual conxuntura provocada pola COVID-19, e lonxe de contraerse, mantén a súa capacidade para xerar emprego. 

Cabe salientar que no período 2015-2020, o aumento do emprego do sector TIC de Galicia foi do 23,3%. De seguir a evolución actual, o sector TIC de Galicia crearía máis de 4.500 novos de traballo nos próximos 5 anos.

Desde unha perspectiva de xénero, o sector TIC contrata máis homes ca mulleres en todos os niveis educativos. A fenda é maior (máis do dobre de homes) cando se trata de persoal con formación en especialidades STEM. Así, un 27,1% do persoal con titulación universitaria en STEM das empresas do sector TIC son homes fronte ao 11,9% de mulleres. 

Constátase a dificultade existente no sector TIC de Galicia para contratar persoal titulado en carreiras STEM. Case tres de cada catro empresas TIC galegas (73,4%) indican que é difícil ou moi difícil cubrir os postos que requiren titulación STEM, o que nos amosa que a demanda de persoal e expectativa de crecemento do emprego de perfil STEM na empresa TIC galega é forte.

En relación á demanda específica de determinados perfís profesionais, convén resaltar as novas necesidades de contratación que están a xurdir no sector ao abeiro das tecnoloxías disruptivas:

Os datos son a nova materia prima e require talento dixital que xestione a información e xere valor engadido a partir da análise dos datos. Un 47,2% das empresas TIC de Galicia que desenvolve funcións no ámbito da Xestión dos datos demanda perfís relacionados con Big Data. 

O incremento de ameazas á seguridade en Internet require perfís capacitados para desenvolver solucións e implementar medidas de seguridade que freen as ameazas cibernéticas. Así, un 42,5% as empresas TIC de Galicia con liñas de negocio no ámbito da Ciberseguridade demanda perfís dixitais especializados nesta materia.

Ademais, un 41% das empresas TIC de Galicia que desenvolve funcións no ámbito das tecnoloxías verdes require profesionais STEM no ámbito da economía verde e circular que permita a transición a fontes de enerxías renovables, limpas, seguras e eficientes.

Con respecto ás soft skills, a capacidade para a aprendizaxe é a cualidade máis valorada polas empresas TIC de Galicia (90,6%) nas persoas tituladas STEM que contratan. Con porcentaxes que oscilan entre o 85 e o 90%, o sector TIC de Galicia tamén demanda cualidades relacionadas coa motivación, a capacidade para resolver problemas, coñecementos prácticos e adaptabilidade.

Pódese consultar o informe completo aquí.