O Observatorio da Lectura e o Libro analiza o impacto das novas tecnoloxías no sector

Data: 
14/04/2011

O Observatorio da Lectura e o Libro publicou o primeiro apartado do informe Situación actual e perspectivas do libro dixital en España. Baixo o título 2010: a expansión dos dispositivos portátiles e portables, o Observatorio realiza unha primeira aproximación na que se abordan os adiantos tecnolóxicos que veñen producindo nos últimos anos, así como o seu impacto no sector editorial e no lector, e a súa vantaxe respecto da oferta de contidos dixitais no noso país.
Máis aparellos que oferta de contidos
2010 foi o primeiro ano no que o consumidor español tivo ao seu alcance unha oferta máis ou menos ampla de dispositivos lectores. Con todo, esta dispoñibilidade de aparellos non veu acompañada en paralelo por unha oferta de contidos suficientemente capaz de responder as necesidades do lector.
O medo á copia privada e o IVE do libro electrónico son, para o Ministerio de Cultura español, os factores de peso determinantes á hora de establecer políticas de prezos competitivas tanto respecto ao libro en papel como a outros mercados internacionais.
O informe ofrece un percorrido por algunhas iniciativas desenvolvidas con éxito en Estados Unidos que veñen demostrar, en definitiva, como a cadea de valor está a se modificar cara a negocios dirixidos ao consumidor final e vendas directas. Analízanse as posibilidades de integración destes negocios en España e as súas repercusións sobre a tradicional cadea do libro e a lectura.
O fenómeno iPad
2010 foi o ano do fenómeno iPad, un dispositivo multifunción que impulsou o mercado de 'tablets' por todo o mundo. Estes aparellos demostraron a súa capacidade para incrementar o hábito lector non só de libros electrónicos senón tamén de libros impresos. O informe analiza estas capacidades en comparación coas dos lectores de libros electrónicos ou 'ereaders', concluíndo que, tal como apuntan diversas investigacións, ambos os dous dispositivos poden xerar dous mercados paralelos orientados a lecturas distintas.
O actual abano de dispositivos que permiten a lectura impulsou a tendencia cara á edición de contidos multisoporte. Unha tendencia que se albisca tamén no caso español, aínda que cunha marcada preferencia cara á xeración de contidos para a súa lectura en 'ereaders'.
O informe analiza as principais barreiras á entrada destes dispositivos de lectura en España. A actual diversidade de formatos dificulta a compatibilidade entre os distintos dispositivos, un factor que está a impulsar o establecemento do formato 'ePub', o estándar internacional polo que tamén se aposta con forza desde o sector editorial español.
Expectativas
As expectativas do sector apuntan ao cambio de tendencia ao longo deste ano e o próximo. Para 2012 unha de cada catro editoras españolas podería estar a comercializar en versión dixital máis da metade do seu catálogo, e unha de cada tres ofertará máis da metade das súas novidades en dixital.